Vox realiza o primeiro gran acto en Galicia e ve ás CCAA como "17 mercadillos" que "disolven a soberanía nacional"

Nun acto no que quedaron cadeiras libres, a candidata por Ourense acusa a Feijóo de "mimetizarse co nacionalismo" galego e defende impoñer "La Coruña" e "La Toja", como foi "sempre"

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 14/04/2019 | Actualizada ás 23:10

Comparte esta noticia

A presidenta de Vox na Comunidade de Madrid, Rocío Monasterio, criticou a aqueles que queren "disolver" a soberanía nacional en 17 nacións. Ademais, cuestionouse como é posible que en Europa se defenda un mercado único e en España existan "17 mercadillos que lastran a instalación de novas empresas".

Durante un mitin celebrado en Expourense, Monasterio estivo acompañada polo número un ao Congreso por esta provincia, Begoña Conde, que ademais é tía do presidente do partido, Santiago Abascal. A candidata ao Senado por esta circunscrición, Cristina Bravo, tamén estivo presente no acto.

Aproximadamente 150 persoas déronse cita no amplo salón que fai ás veces de antesala da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense e ondearon bandeiras de España ante a atenta supervisión de ao redor dunha ducia de axentes da Policía Nacional. No acto quedaron cadeiras baleiras e, minutos antes da hora prevista para o seu comezo, os organizadores tiveron que retirar dúas fileiras de asentos para evitar que quedasen desocupados.

Neste contexto, Rocío Monasterio aludiu a que o seu partido sae a defender a unidade de España como "a resistencia" fronte á "morneza dos demais políticos que permiten que uns golpistas se salten a lei".

A presidenta de Vox na Comunidade de Madrid apelou á "necesidade dunha lei de violencia intrafamiliar" que derrogue a actual lei de violencia de xénero. "Xa está ben que aos nosos fillos polo feito de ser homes lles chamen machistas e que o home perda o seu dereito á presunción de inocencia", lanzou como alegación.

VOX, A "RESISTENCIA" EN GALICIA FRONTE "AOS CACIQUES" DO PP

Así mesmo, Monasterio dixo que Vox é "a resistencia" que vén a Galicia a terminar con "o choio dos caciques do Partido Popular que cre que este é o seu casarío".

Pola súa banda, o presidente da xestora da formación en Ourense, Julio Vázquez, comezou a súa intervención ao berro de: "Valentes, boas tardes!". Precisamente a esa valentía é á que atribuíu a decisión do partido de "fuxir do politicamente correcto" e que os conducirá a "conseguir o cuarto deputado de Vox".

Seguidamente, Begoña Conde comezou a súa intervención cunha alusión a que "España está viva e non hai quen a pare, por máis que queiran os inimigos da patria". Vox planta cara ao "PP covarde" e ao "PSOE amigo dos separatistas e etarras", declarou Begoña Conde.

A líder de Vox en Madrid nun mitin en Ourense
A líder de Vox en Madrid nun mitin en Ourense | Fonte: EP

No referente á política lingüística, Begoña Conde aludiu a que "se hai algo peor que a derechita covarde e medrosa, é a que se mimetiza co nacionalismo e copia o seu discurso e as súas políticas", dixo en referencia ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.

E é que, segundo as súas palabras, o titular do Executivo autonómico "impón pagar un arancel lingüístico para obter subvencións e axudas". Ademais, "Feijóo discrimina aos hispanoparlantes e fai aos nosos fillos corear sentenzas nacionalistas", engadiu.

No referente aos topónimos en galego, mostrouse en contra e apostou por dicir "La Coruña, Orense e La Toja", como foi "sempre". E estableceu equivalencias co vivido na súa cidade natal de Áraba (País Vasco). No entanto, tamén apelou ás súas orixes galegas para defender a súa designación en Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Punch

Punch a nazi!

3 KdL

Biba a ignorancia, morte á intelixencia.

2 Ejpañistán lonxe

Fóra de Ejpaña vades pinchar moitas veces fascistillos de pacotilla.

1 Avarello

E das deputacións non din nada...