Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/04/2019 | Actualizada ás 14:14
Unha inadecuada xestión das actividades pesqueiras, en particular da pesca de arrastre, pode causar un declive dramático na presenza de golfiños comúns na costa galega. Esta é unha das conclusións do último traballo científico do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) —con base no Grove—, publicado na prestixiosa revista Progress in Oceanography.
O equipo de científicos investigou as variables que condicionan a presenza e abundancia desta especie, tan común ata o momento, xunto ao nivel de interacción e vulnerabilidade dos golfiños ante as actividades de pesca na zona. Utilizáronse datos recollidos ao longo de 273 saídas de observación durante 38 meses entre os anos ano 2014 e o 2017. Percorréronse máis de 9.500 quilómetros no sur de Galicia e máis de 1 000 de observación que permitiron o avistamento de máis de 91 grupos de golfiños comúns, alcanzando no seu total os 4.963 exemplares.
Estudáronse os factores oceanográficos, topográficos e biolóxicos que condicionan a presenza e dimensión dos grupos de golfiños comúns nas augas galegas, onde cabe lembrar que o ano pasado por estas datas se observou un grupo con miles de exemplares.
Ademais destes factores, analizouse o grao de interacción entre actividades pesqueiras como o arrastre, cerco e pesca de enmalle para medir o nivel de vulnerabilidade desta especie ante estas actividades.
As análises relevaron que a magnitude da interacción existente entre pesca de arrastre e os golfiños foi significativa, o que supón un nivel preocupante de vulnerabilidade ante as capturas accidentais, que son a causa máis frecuente dos varamentos de golfiños comúns nas costas de Galicia (o golfiño común é a especie máis frecuente nos informes da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños en Galicia, CEMMA).
Os autores do estudo consideran que estes achados poden ser usados como un indicador relevante do grao de vulnerabilidade desta especie á presión humana, e a necesidade de modificar as medidas de xestión e manexo da pesca de arrastre a través dunha actividade máis sustentable que garanta que os golfiños comúns poidan seguir sendo “comúns” nas augas galegas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.