Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2019 | Actualizada ás 16:18
En Común Unidas Podemos chamou a "rescatar" nas urnas o vindeiro domingo a Alcoa despois de que o PSOE, segundo a candidata Yolanda Díaz, a vaia a "deixar caer" tras non aprobar o decreto do estatuto do electrointensivo no último Consello de Ministros.
"O PSOE vai deixar caer Alcoa, da que dependen 700 familias directas e máis de 2.000 familias (de forma) indirecta", aseverou Díaz en declaracións aos medios antes de participar nun mitin en Santiago co candidato pola Coruña de En Común Antón Gómez-Reino e o cofundador de Podemos Juan Carlos Moedeiro.
"Levamos moitos meses advertindo que o PSOE non vai facer nada para protexer ás familas. Levan meses mentindo e onte (o xoves) tentaron xustificar de maneira basta (a non aprobación do decreto) cun informe do 9 de abril de Competencia", engadiu.
Así as cousas, os candidatos chamaron á mobilización ao redor de En Común para "defender os sectores produtivos". "Se a cidadanía galega quere podemos rescatar Alcoa. O artigo 128 da Constitución está en vigor e permíteo", incidiu Díaz, que puxo como exemplo disto a Italia, "que xa rescatou a Alcoa".
Os candidatos de En Común Unidas Podemos participarán na tarde deste venres na manifestación convocada na Coruña polos traballadores da planta de Alcoa na cidade herculina.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.