Longa agonía ou recuperación do nacionalismo galego?
Como é que cántabros, canarios ou valenciáns teñan representantes propios en Madrid, e non os teña unha nacionalidade histórica como é Galicia?. Vascos e cataláns demostraron este domingo que é posible confiar en forzas nacionalistas de dereitas e de esquerdas para frear un posible pacto das dereitas e ultradereita en España. Pero, por que en Galicia o nacionalismo compite con Vox, unha formación que case non fixo campaña en Galicia e non conta con apoios mediaticos no país.
Por Xurxo Salgado | Compostela | 30/04/2019 | Actualizada ás 14:05
Comparte esta noticia
“Nadadores ausentes, bañistas que se foron polo túnel azul das desaparicións, agora hai un regreso como un laio sen voz, o corpo que se anuncia no vidro lácteo da auga, no interior do seu frío, como unha forma perdida na lembranza”.
Castelao durante un mítin
É parte do poema “Afogados” do poeta e político de Anova Miguel Anxo Fernán-Vello. Un poema escrito no 2011 cando o nacionalismo galego aínda xiraba en torno ao BNG. O único partido nacionalista galego que acababa de obter dous escanos en Madrid e 209.000 votos e o 11,37% do total dos sufraxios.
Uns resultados que, con todo, eran malos. O Bloque acababa de perder dous anos antes o goberno da Xunta tras perder un escano por unha manda de votos na provincia da Coruña. Unha derrota na que, entón tiña moito que ver o xornal coruñés La Voz de Galicia con informacións moi duras contra o Bloque –concurso eólico, galescolas, mangoneo das políticas sociais, despilfarro, Carrumeiro--- e que, propiciou, pouco despois a aparición do coñecido como “Voicoz” por parte da militancia nacionalista.
Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana durante o bipartito
| Fonte: cecubo Group
Foron momentos moi tensos, de moitos titulares en prensa. Algo semellante ao que acontece estes días con En Marea. Con moitos medios abrindo portadas sobre os problemas internos da formación. E a situación estoupou e rematou nunha desgracia peor que a perda do goberno da Xunta, a gran ruptura de Amio e a división do BNG en dous polos. Era o 2012. E, a partir de aí a formación nacionalista caeu no abismo.
MÁIS DE 200.000 VOTOS PERDIDOS
Un abismo do que, segundo a súa dirección, comeza a saír tras os resultados deste domingo. Os 93.000 votos acadados --o 5,6% do total-- están moi lonxe daqueles 209.000 de 2011 e aínda máis lonxe dos 212.000 de 2004 e, por suposto, dos resultados históricos desta formación, en 2000, con 306.00 papeletas, o 19% do apoio electoral e tres escanos en Madrid.
Se o BNG repetira hoxe eses resultados sería a novena forza do estado, só por detrás dos grandes partidos estatais, e de ERC, JxCat e o PNV. Mesmo por riba de Bildu. Tres escanos que poderían contar e decidir moito en Madrid. Pero, agora, compite en Galicia con Vox, unha formación de ultradereita que, sen facer campaña en Galicia e sen os apoios mediaticos do BNG, acadou os mesmos resultados.
Por iso, a situación é, 19 anos despois, completamente a inversa. Galicia non conta para nada en Madrid, polo menos, cunha forza nacionalista propia. Os últimos dous deputados nacionalistas, de Anova, nin están en Madrid, nin na política activa. E, mentres que formacións rexionalistas de Canarias ou Cantabria poden ser decisivas no vindeiro goberno, o nacinalismo galego queda fóra do escenario político estatal.
PROBLEMA DE TODOS
E non o fai só por deméritos do BNG. É certo que o Bloque tivo e ten aínda defectos inherentes a estar dominada pola UPG, unha organización de mandato vertical, senón tamén pola terquedade e minifundismo doutras forzas nacionalistas que, nun contexto de forte polarización, preferiron ir por libre ou non ir.
Un veterano nacionalista comentaba estes días que ve moi difícil un remedio para o nacionalismo galego, sexa o BNG, Anova, En Marea ou CxG. “Acadar 95.000 votos obviamente ten a súa importancia, pero unha forza nacionalista non pode conformarse só coas migallas e por pelexar coa ultradereita por ser a cuarta forza en Galicia. E menos saír sorrindo e contentos, a pesar de non ter escano, logo de ver que En Marea recibía o gran trompazo da noite”.
E está por ver se esa “recuperación” do Bloque é tal ou só un préstamo momentáneo do chamado voto útil de soberanistas de Causa Galiza ou nacionalistas que, no seu día, apoiaran a Anova ou a En Marea. Un voto útil que esta mesma formación propiciou con anuncios nas redes sociais difundindo noticias de La Voz de Galicia, o mesmo xornal que hai oito anos era o inimigo número un. Noticias que apuntaban a que o BNG pelexaba con Vox por un escano na Coruña.
Ao final todo quedou en anuncios de redes sociais e noticias con certo grao de manipulación para fomentar ese voto útil. Nin xuntando os votos de CxG, En Marea e o BNG, o nacionalismo galego acadaría escano en Madrid. E esa é a triste e dura realidade do nacionalismo galego. Ou se refunda, como ben souberon facer cataláns ou vascos, ou o seu futuro será testemuñal en Galicia a pesar dos apoios de certos medios de comunicación que buscan ter ao nacionalismo "domesticado" e "controlado", evitando a súa relación cos soberanistas cataláns ou vascos. Unha refundación que ten que pasar, quizais, por cesións, por renuncias importantes e por unha modalidade de coalición na que todos se sintan a gusto sen perder as súas esencias.
“Só así, con unidade, cun equipo cohesionado e cun liderato renovado que conecte co electorado urbano pode haber futuro para o nacionalismo galego”, apunta ese veterano nacionalista que coñece ben o que foi o nacemento, no seu día, do Bloque Nacionalista Galego. Quizais así, o nacionalismo non acabe afogado como acabaron outros proxectos que Fernán-Vello coñece ben tras o seu paso como deputado polo Parlamento español.
AFOGADOS
Veñen na súa mudez tan lonxe de si mesmos
e entran así no noso pensamento
sostidos por un fío verde de néboa
e unha luz de ollos grandes que se esvae
na fondura do tempo.
E sentimos o seu peso sonámbulo
e un tremor líquido de flor cincenta na fronte,
pálpebras que conteñen aínda a claridade dun soño,
dun xesto suspenso no baleiro.
Nadadores ausentes, bañistas que se foron
polo túnel azul das desaparicións,
agora hai un regreso como un laio sen voz,
o corpo que se anuncia no vidro lácteo da auga,
no interior do seu frío,
como unha forma perdida na lembranza.
Rostros que teñen a cor impensada dunha rosa violácea,
e unha ollada infinita prendida na estrela transparente
que navega entre as sombras.
Están aí, no fondo, na pálida fronteira do abismo,
no espello insondábel da soidade.
E nós sabemos da súa nudez sen nome,
do tristísimo mar que aínda os alimenta,
cando entran no noso pensamento
e alguén, moi lonxe, alá, no inmenso,
nos recoñece.
Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG
| Fonte: Kopa
Mesquindades, falla de altura politica, fallan lideres e proxectos atractivos e abertos. Con todo respecto, O BNG TEN AS PATAS MOI CURTAS, son demasiado pechados, unha mensaxe que só vale para os convencidos.
Apertura mental, atracción social, quitar os sectarismos e a cultura de partido tradicional controlador de militancia. Persoas que encarnen esos valores.
5Pequeniño
No BNG ainda “sobra unto”. Agora, nas municipais, repartindo desde as deputacións as mesmas prebendas que os outros, con idénticos criterios e de xeito tan caciquil, van seguir “gañando”? grazas ao PSOE. Igualiño que cando foi co bipartito: tamen gañaran a pesar de perder creo recordar que 6 deputad@s. Eso e unhas valoracións rebuscadìsimas e botàndolle a culpa sempre aos outros vai configurar o discurso de sempre. MISERIA PARA O PAÍS.
4patético
O simple feito de facerse estas preguntas é non ter idea do que pasou en Galicia nos últimos 20 anos.... todos moi listos con moitas teses doutorías e moitos libros publicados pero o país que din defender está morto en gran parte pola súa culpa... Galicia precisa de novos referentes, fora xa dunha vez toda esta patulea de xente que sempre sodes os mesmos jo d er... as mesmas caras nos últimos trinta anos ...
3BFFF
Vox sen apoio mediatico? diras BNG sen apoio mediatico, porque vox estivo na sopa de todas as televisións.
1Grã Bretanha
Na TVG saíu a lideresa todos os días. En La Voz de su Amo, tamén... E, o inexplicable, como fixeron rexionalistas cántabros, canarios,
valencianos, navarros, bascos cataláns? Aquí é onde se desmonta a gran mentira do BNG! A ineptitude dos candidatos! O fracaso sen excusas da dirección! A infame estratexia desunión! E o negocio ou chiringuito da cúpula de colocados da UPG: antes mortos que pactar con outros galegos de nación!
2Freixo da fraga
O bng en particular...e o nacionslismo galego en xeral sobralles ideoloxia e falta pragmatismo....e practicidade.Deberian tentar amoldarse ao q o pobo quere....e non o reves....que o pobo se amolde ao q bng e demais teñen no seu maxin ideoloxico