Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2019 | Actualizada ás 15:14
O alcalde de Santiago de Compostela e líder de Compostela Aberta, Martiño Noriega, asegurou que a formación acatará o requirimento da Xunta Electoral, que lle obriga a retirar os carteis dunha campaña na que difundía os seus "logros" e que fora denunciada polo PP.
No entanto, puntualizou que aínda que "evidentemente", acatarase o requirimento, "non" o "comparte", porque "todas as formacións lanzaron campañas miméticas" e "a única denunciada" é a de Compostela Aberta, na que "non" se pedía o voto e incluíanse "datos obxectivos" .
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, Noriega reiterou que se acatará o requirimento, aínda que insistiu en lamentar a denuncia presentada polo PP. Os carteis encabézanse coa frase 'Santiago avanza máis' e recollían referencias ao goberno local de CA en Santiago.
"É un síntoma de preocupación, se Compostela Aberta fixese denuncias sobre campañas miméticas do resto de formacións políticas o ditame da Xunta Electoral sería o mesmo, pero non estamos preocupados polas promesas doutros candidatos, que absorberían varios mandatos orzamentarios en só un ano", incidiu, aínda que sen querer nomear de forma explícita a que partidos ou campañas facía referencia.
Na mesma liña, ironizou que lle "parece moi ben" a "preocupación de todos" por Compostela Aberta e avanzou que a formación seguirá difundindo os seus "logros" por outros medios, porque "o universo da comunicación é diverso e se non se pode estar na rúa estarase noutros sitios".
"Seguiremos falando dos logros noutros ámbitos, que non están condicionados pola decisión da Xunta Electoral, a día de hoxe non todo é cartelaría, tamén hai outras canles", puntualizou.
Ademais, para Martiño Noriega a campaña reflectía "datos obxectivos" que cre que os cidadáns quererán coñecer, máis agora tras a prohibición á pegada dos carteis. "O que está prohibido suscita máis interese", remarcou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.