Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2019 | Actualizada ás 11:21
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, avanzou este martes que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) acaba de elaborar un programa para "optimizar" a nutrición nos pacientes críticos, o que se enmarca na estratexia 'Seguridade do Paciente'.
Segundo informa a Xunta, o titular de Sanidade fixo estas declaracións na inauguración da xornada 'Loita contra a desnutrición relacionada coa enfermidade na asistencia sanitaria en Galicia', onde subliñou que a Comunidade é "pioneira" por incluír a determinación básica de parámetros de desnutrición nos contratos de xestión dos hospitais públicos.
Neste contexto, o conselleiro explicou que o programa de optimización da desnutrición é froito dun traballo de equipo entre profesionais médicos, de enfermaría e farmacéuticos das sete áreas sanitarias do Sergas. Segundo Vázquez Almuiña, a implantación desta iniciativa "permitirá unha atención de calidade, homoxénea e coa maior capacidade de resolución posible, baseada na coordinación dos profesionais implicados na atención ao paciente crítico".
Ademais, lembrou que este grupo de doentes "non son unha poboación homoxénea", o que fai "aínda máis difícil" o seu tratamento. Por iso, requírese unha análise de estado nutricional de cada un e unha terapia especializada e individualizada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.