Por Xurxo Salgado | Compostela | 28/05/2019 | Actualizada ás 22:00
Ana Miranda é un valor seguro dentro do BNG. A eurodeputada nacionalista foi a única que conseguiu mellorar, con creces, os resultados do Bloque nas eleccións do 26M. A súa candidatura obtivo 171.500 votos e máis do 11% de porcentaxe en Galicia. Uns resultados que duplican os 80.000 que sacou hai cinco anos e que melloran considerablemente os obtidos en 2009. Ese ano, sen a ruptura aínda do nacionalismo galego, Miranda sacou 103.723 votos.
Con todo, e a pesar da espectacular suba de Miranda, a súa porcentaxe segue aínda lonxe do teito acadado por Camilo Nogueira nos anos noventa, concretamente nas europeas do 1999, durante a década de ouro do BNG en Galicia. Entón os nacionalistas acadaban 349.079 papeletas e escano propio en Bruxelas sen depender de ningunha coalición como hai cinco anos lle aconteceu a Lidia Senra, ou á propia Ana Miranda.
Pero aqueles anos non son os de agora, nin tampouco Europa. Tras as sucesivas ampliacións na UE, os partidos nacionalistas buscaron coalicións para poder estar en Europa. Nas eleccións ao Parlamento Europeo de 2009, Miranda representou ao BNG na lista de Europa dos Pobos-Verdes, con Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e outros nacionalistas de esquerda. Ocupou o seu escano en Estrasburgo o 16 de xaneiro de 2012 e estivo nel até o 9 de xullo de 2013.
Nas eleccións ao Parlamento Europeo de 2014 foi no segundo posto da lista electoral dos Pobos Deciden, coalición de Euskal Herria Bildu, BNG e outras forzas nacionalistas de Asturias, Canarias e Aragón. A candidatura só obtivo un deputado; pero, seguindo os pactos da coalición, Josu Juaristi (EH Bildu) cedeulle o seu escano en febreiro de 2018, cando quedaba ano e medio para o final da lexislatura.
Nestes comicios, o BNG presentouse con EH-Bildu e ERC na coalición Agora Repúblicas. A súa candidatura obtivo 1.257.484 votos e tres escanos. Miranda vai de número cinco nesa lista e cos resultados acadados en Galicia poderá estar na Cámara de xeito rotatorio á espera do que aconteza co saída do Reino Unido da UE, que implicará un novo reparto de escanos.
RECOÑECEMENTO DE ANA PONTÓN
De feito, a propia Ana Pontón destacaba este luns, ao valorar os resultados dos comicios o importante resultado acadado por Ana Miranda e apuntaba que os resultados das eleccións europeas, “duplicando os resultados confirman a tendencia" de que o BNG é unha "forza emerxente".
E puña estes resultados das europeas, e non os das locais, como exemplo do que vai pasar co BNG nas autonómicas do vindeiro ano. “Este pulo que hai nas urnas se vai ver con toda solidez no resultado das eleccións galegas do ano que vén", indicaba.
ESTANCAMENTO DO BNG
Con todo, a suba de Miranda nas europeas contrasta co estancamento do BNG a nivel municipal. Os nacionalistas, aínda que aumentaron unhas décimas a porcentaxe de votos, pasando do 12,47% de hai catro anos ao 12,87% actual, perden case 1.600 votos ao obter 187.901 fronte aos 189.465 de 2015. Tamén, e segundo a Web do Ministerio da Presidencia, perden edís. Dos 468 de hai catro anos pasan aos 457 actuais.
De feito, esta perda de votos e o ascenso do PSOE en Pontevedra e A Coruña provocou que os nacionalistas perdan un deputado en cada unha das dúas provincias. Na de Pontevedra, de feito, xa non serían imprescindibles para gobernar. O contrasste está na de Lugo, que sobe un máis.
Pero, a pesar deste estancamento, o certo é que o BNG conseguiu volver ter presenza en todas as cidades galegas ao entrar, novamente, en Ourense e Vigo. Sobe, ademais, un concelleiro na Coruña e tres en Lugo. Cinco concelleiros na cidade amurallada que serán fundamentais para o goberno da cidade e da deputación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.