Golpe xudicial a Baltar e La Región: anulada a compra da Deputación de Ourense do arquivo do xornal por 2,7 millóns

O ente provincial avanza que recorrerá e a cabeceira ourensá subliña que a sentenza alude "a certos erros administrativos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2019 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

O Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense ditou unha sentenza na que anula o contrato de adquisición por parte da Deputación de Ourense do arquivo histórico do xornal 'La Región' por valor de 2.700.000 euros. Contra esta sentenza aínda cabe recurso.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar | Fonte: Deputación.

O tribunal estimou un recurso presentado polo partido Democracia Ourensana e revogou a operación. Ademais de ordenar á Deputación, gobernada ata agora con maioría absoluta polo popular José Manuel Baltar, que restitúa os bens do arquivo que recibise en virtude do contrato, 'La Región' deberá devolver o diñeiro xa percibido pola venda. A Deputación terá que abonar as costas do proceso.

Un decreto do presidente da Deputación do 26 de maio de 2017 adxudicou mediante un procedemento negociado sen publicidade a contratación da adquisición do arquivo histórico do xornal ourensán. Establecía o abono a 'La Región' de tres partes de 900.000 euros nos anos 2017, 2018 e 2019 por parte do ente provincial.

A sentenza, ditada pola maxistrada Ana Belén González, baséase na "ausencia dunha taxación ou valoración axustada" ao texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público".

Para a elaboración do informe de valoración descartouse a aplicación do método de comparación, segundo indica a sentenza. Con todo, a maxistrada apunta no seu escrito que "existían adquisicións de activos semellantes que deberon, cando menos, servir de referencia para o cálculo do valor estimado".

Pero a xuíza tamén cuestiona que o asesor de política cultural de Baltar, que ten a condición de persoal eventual, asumise funcións técnicas que lle están "absolutamente vedadas" no proceso de adquisición do arquivo do xornal ourensán. Así mesmo, tamén pon tachas ao fraccionamento do pago en tres partes.

"ESTAFA PARA OS OURENSÁNS"

"A xustiza dá a razón á denuncia presentada por Democracia Ourensana na que argumentamos que a compra do arquivo histórico de 'La Región' era totalmente ilegal", declarou este martes o líder do partido, Gonzalo Pérez Jácome.

Así mesmo, Jácome cualificou a operación de "animalada" e "estafa para todos os cidadáns ourensáns". "Se Democracia Ourensana non chega a existir, esta compra tivese ido adiante e os ourensáns pagariamos 2,7 millóns de euros por uns papeis que xa están repetidos na Xunta de Galicia e na Biblioteca Pública", manifestou.

PRESENTARÁN RECURSO

Pola súa banda, a Deputación de Ourense limitouse a sinalar que "a resolución non é firme" e que "os servizos xurídicos do ente provincial presentarán recurso".

Ademais, fontes do xornal 'La Región' sinalaron que "a sentenza non entra a valorar en ningún momento o prezo do arquivo da Rexión, avalado por informes que se presentaron tanto para a venda como para o xuízo".

Así mesmo estas fontes explicaron que "o único que se fai na sentenza é aludir a certos erros administrativos que fan anular a operación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 jose luis

cacicada coma sempre de baltar y su camarilla.fora os caciques de ourense

3 Gamela

Haberá que agradecer a Jácome a súa tenacidade na oposición. Ogallá tivesemos en Vigo algunha oposición digna de tal nome que investigara os cartos públicos que se desvían para untar a Faro de Vigo e moi especialmente a LocaliaTV onde Abel Caballero ten o seu programa particular que retransmiten 2 veces por semana en diferido. Pero temos unha oposición dócil e sumisa (Marea de Vigo) colaboracionistas en nómina de Abel Caballero! Viva Jácome (por moito que ninguén fale ben del)

2 Ourensán

Se a sentenza convértese en firme este será un golpe devastador para o caciquismo ourensán. Sin La Región, os baltares non son nada. E o mesmo que en Lalín. Finito Cuiña.

1 Carlos_G

Para cando un especial de todo o diñeiro publico que Democracia Ourensana ten aforrado a base de denunciar nos Tribunais as cacicadas do PP, co deixar facer de PSOE; MAREA e BNG?