Por Gabriel Rei-Doval | Portland (Oregon, USA) | 30/05/2019 | Actualizada ás 12:15
Cada vez máis próximo a Portland, as figuras xeométricas acabaran por introducirse na viaxe. Durante un tempo, a imaxe mental fora unha liña recta quebrada por desvíos e curvas pola xeografía estadounidense. Mais, preto no Pacífico, outras xeometrías máis complexas comezaban a facerse presentes.
A cuadratura é polivalente: a visión matemática fai dela unha perfecta combinación de catro liñas idénticas, mais para a astronomía é unha relación dialéctica entre dous corpos separados por algún círculo. Xa preto do Pacífico, matinaba na forma máis acaída á miña progresión, onde estarían os dous corpos e cal sería a súa distancia, física e emocional.
Comezaba tamén a ter clara a aspiración a cadra-los lugares e distancias unha vez chegado á costa oeste; continuar camiño da cálida California, sen renunciar a Seattle, esa terra de poliédricos líderes nativoamericanos onde sempre me sentira na casa, e asemade trazar cantas liñas fose posible polo ignoto Oregón.
En Mount Hood os amantes petrificados onda o río Columbia fixeran emerxe-la figura do triángulo, como comentei en Portland con Jeff e Mechthilde o día seguinte. Amizade, amor e medo; ira, amor e baleiro; amizade, traizón e amor... triángulos que ás veces tornan en círculos e mesmo espirais, cara a dentro e cara a fóra; conmutacións e permutacións que a mente binaria non dá procesado.
Con Mechthilde e Jeff a empatía foi, coma sempre, exquisita. A reunión azarosa de tres amigos que non se viran desde o verán de Milwaukee alimentou metáforas, mitos e símiles, e preguntámonos se as figuras eran necesariamente excluíntes. Faleilles do triángulo inscrito na circunferencia e do paradoxal mar dos espellos. Agora en perspectiva fluvial oregoniana, as figuras xeométricas resistíanse a unha redución simplificadora. O único constante era o río da conciencia, asumi-lo cambio constante, fluír de noso que se disolve de forma permanente e crea realidades novas. O Río Columbia forma meandros antes de Portland e ó bifurcarse no Willamette dá orixe a un triángulo isósceles. Nada é simétrico, nada regular; todo sempre suxeito á natureza caprichosa e a inherente impermanencia da mente humana.
No triángulo isósceles formado con Jeff e Mechthilde, o meu lado era o máis curto, un camiño da vida de destino descoñecido. Mentres os triángulos de creación fluvial experimentan erosión e mudanza de vagariño, nos triángulos humanos a erosión pode ser rápida, ás veces inesperada, coma o terremoto repentino ou o volcán que licúa a maior das solideces pétreas.
O noso triángulo fora construído desde a empatía, en movementos periódicos delineados onda o Lago Michigan, e no irregular rectángulo de Oregón ficaramos inscritos no triángulo fluvial imperfecto de Portland, preto da conciencia do Pacífico.
Mentres me preguntaba polo resultado de tanta incerteza acuosa, procurei distancia na escalada a pedais ata a Pittock Mansion, nese outeiro formado polo triángulo de Willamette, Kings e Arlington Heights. Na ollada elevada desde os outeiros adiviñei a dimensión tamén elevada do ser humano que sucumbe ás emocións comprimidas, e enxerguei formas e camiños da vida diversos, círculos, triángulos e cuadraturas imperfectas.
Alá arriba, na Mansión Pittock, estaba a visión completa e panorámica, como a vista de paxaro. Sentado á beira do cumio atopei Chitto, enxeñeiro químico de Pennsylvania fumando na súa pipa de tabaco aromático mentres acariñaba a barba branca coa vista perdida e cálida nos outeiros próximos. Mudárase a Oregón uns anos antes ca Janice, profesora aínda en activo. El xubilárase á primeira ocasión, e xuntos gozaban dun tempo compartido de arrecendos florais. Despois de senllos divorcios tormentosos, ambos decidiran iniciar unha vida nova no xardín de rosas vermellas onde habita o corazón.
O triángulo montañoso resolvérase nun círculo do que tamén formaba parte Sebastian, aínda na escola primaria, e Portland era o lugar ideal para volveren empezar, iluminados polo facho do amor entre lavanda fresca e cereixa madura. O triángulo tornara en circunferencia e todo cadraba floral nas vidas de Chitto, Janice e Sebastian. A determinación do amor conseguira a cuadratura do círculo e as arestas puntillosas deran lugar a un círculo de dous que virara en tres en Portland, na serena confluencia do Columbia e o Willamette, onde o orballo do outono sabe a tabardilla madurada polos ventos Tillamook do Pacífico.