Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2019 | Actualizada ás 19:36
O Tribunal Supremo tombou o recurso presentado pola Xunta de Galicia contra o fallo xudicial emitido o pasado mes de outubro pola Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG que anulou a resolución da Secretaría Xeral de Medios que prohibía emitir en frecuencia modulada á radio comunitaria Cuac FM, radicada na Coruña.
A decisión de non admitir a trámite o recurso de casación da Xunta converte en firme a sentenza do tribunal galego que deixaba sen efecto o expediente sancionador que pesaba contra a emisora, á que fora prohibida a emisión en FM a través dunha resolución ditada polo Goberno galego en febreiro de 2018.
Ademais, a providencia do Supremo tamén impón á Administración autonómica o pago das costas procesuais ata un máximo de 1.000 euros.
Cuac FM mostra a súa satisfacción pola decisión do Supremo e censura "a utilización de recursos públicos na persecución dunha iniciativa de comunicación cidadá, e en contra dunha interpretación expansiva dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas".
SENTENZA DO TXSG
O pasado 25 de outubro, a Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG emitiu unha sentenza na que anulou a resolución da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia que prohibía emitir á radio comunitaria Cuac FM.
O fallo estima o recurso presentado pola Asociación Colectivo de Universitarios Activos (Cuac) contra a prohibición de emisión radiofónica en FM ditada pola Xunta o pasado mes de febreiro.
Deste xeito, o TSXG sentencia que Cuac FM ten vixente a garantía temporal de emisión, algo que lle impedía a Secretaría Xeral de Medios que dirixe Mar Sánchez. Así, poderán emitir mentres a administración competente "non se pronuncie de forma motivada e clara sobre a falta da devandita garantía temporal".
A resolución da Secretaría Xeral de Medios negaba o dereito a emitir á emisora, á que, ademais, advirte "da comisión de infracción en caso de desobediencia por falta de licenza". O TSXG entende que Cuac non pode obter este permiso "dada a inactividade da Administración".
Os xuíces argumentan que a normativa audiovisual permite aos operadores emitir mentres non se regule a súa actividade polo Estado, "prevendo a concesión das oportunas licenzas, sen que se produciu aínda a regulación normativa en Galicia".
MEDIOS INFRINXIU A CONSTITUCIÓN
Así mesmo, a Sala considera que a Secretaría Xeral de Medios infrinxiu o artigo 20 da Constitución española, ao vulnerar o dereito das persoas á liberdade de expresión e a recibir e comunicar libremente información.
Por tanto, apunta que a Administración autonómica contravino "os preceptos legais que constitúen unha garantía temporal de emisión para a actividade de libre expresión e comunicación de información e de creación e uso de medios de comunicación, neste caso dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.