Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2019 | Actualizada ás 22:00
A necesidade de arranxar inmediatamente envíos, a necesidade de enviar sobrepasando obstáculos como o tráfico ou a simple comodidade, fixo nacer empresas de mensaxería cunha filosofía de traballo vinculada ao que se denomina “economía colaborativa”. Así, en 2013 nace en Londres, Deliveroo, empresa que aproveita os “nichos” de mercado dentro da mensaxería que solventarían a falta de inmediatez para algunhas entregas.
Seguindo o mesmo modelo está a empresa Glovo, de Barcelona. Creada en 2015 en Barcelona, aproveitou tamén as necesidades do mundo urbano para crear unha empresa de entrega rápida. A nova idea consistía en baixar unha app para facer pedidos en calquera momento. Todo para responder ás esixencias do novo modo de vida.
CONTRATACIÓN DE TRABALLADORES
“Estas empresas usan a fórmula do autónomo, non son empregados deles, en teoría collen traballos soltos, mais pretenden que o traballador e empregador non teñan vinculación, cando realmente si existe esa vinculación” di Ricardo Castro da CUT. “Para ser autónomo non tes que ter ningún tipo de vínculo cun empregador, porque escollo o meu traballo, as horas que quero, mais este non é o caso, porque teñen un teléfono, unha app da mesma empresa (Glovo) que lles di os pedidos que hai, a posición na lista de atención a pedidos, pois segundo número de repartos suben puntos na lista”.
“As condicións dos traballadores e traballadoras destas empresas son decimonónicas, porque non teñen dereito sequera a pedir unha baixa, pois directamente non cobran” relata Francisco Sio da CIG. “As condicións son impostas polo empresario de maneira unilateral, é a escravitude do século XXI, chamada economía dixital, mais falta de dereitos laborais e humanos” declara Sio.
Estas empresas de mensaxería rápida, envían as instruccións pola aplicación (app). A pregunta é se esa app está recoñecida como vínculo coa empresa. “Legalmente non existe unha lexislación que diga, si, isto é unha vinculación, máis é un instrumento da empresa para un traballador é unha xestión, é unha maneira de control do empregado ou empregada” sinala Ricardo Castro. “Mires por onde o mires, é unha vinculación clara”.
“Pódese chamar economía do recado, porque están usando o recado de toda a vida para ter uns beneficios para grandes multinacionais” sinala Francisco Sio. “A mesma Inspección de traballo está intentando frear esta expansión do falso autónomo, mesmo en países cunha economía máis liberalizada tamén están atacando a figura de falso autónomo” sinala Sio. “Estes traballadores de mensaxería, teñen un único cliente que lles di cando e como teñen que traballar, canto deben producir e ademais lles entregan ferramentas de traballo” o que para Sio é “un traballador por conta allea disfrazado”.
As ferramentas icónicas destas empresas é a bicicleta e a bulsa que levan os traballadores ou “riders” ás costas. “Usan calquera tipo de vehículo, bicicleta, coche, ciclomotor, o que podan, o caso é cumprir cunha serie de tempos estimados para a entrega” quere deixar claro Castro da CUT.
“O traballo a través da app é moi difícil de controlar, pois entendo que os traballadores funcionan en todo momento a base de aplicación” di o representante da CIG. “As persoas que traballan neste tipo de empresas non pensan neste traballo como algo definitivo senón para saír do paso”. O salario esaría ligado á produtividade con que “poderían estar cobrando 3 euros por entrega ou viaxe, mais depende da cantidade de pedidos que fagas, distancias etc”.
IMPALANTACIÓN EN GALICIA
Este tipo de empresas comezaron a súa actividade en España na zona de Levante e Madrid. A partir de aí foron expandindo o seu modelo de negocio a outras cidades de tamaño medio. En Galicia comezou a empresa Glovo en Vigo mais agora xa ten “raiders” en Compostela. Sobre todo onde hai poboación urbana que demanda servizos desde as súas casas. Todo despois dun estudo de mercado para avaliar número de habitantes e estudo de consumo en hostelería, sobre todo consumo indirecto.
“Hai oito meses comezamos a seguir a compañeiros e compañeiras que facían este tipo de traballos da empresa Glovo, buscando a súa sede para saber onde está, pois entendemos cal é a situación laboral destas compañeiras e compañeiros” conta Francisco Sio. A intención era facer accións sindicais diante da sede mais “cando chegamos alí non había aboslutamente nada nin niguén, pensamos que sería algo protocolario para receber correo e instruccións”.
“Tentamos de todas as maneiras darlles o noso apoio aos traballadores dicíndolles que contaran con nós para botarlles unha man e asesoralos, mais sentimos moita reticencia” conta Sio que describe o perfil destes traballadores “sobre todo homes, moi novos e unha parte importante son inmigrantes, sobre todo de América do Sur”. “De todas maneiras, estas empresas non sei ata que punto serán capaces de implantarse aquí por Galicia, pola pouca poboación das cidades, non creo que pase a cousa de Coruña, Vigo e Compostela”.
DEREITOS E EXTERNALIZACIÓNS
Tanto Deliveroo como Glovo contactan con empresas de alimentación, sobre todo cadeas de comida rápida, e negocian porcentaxes para o reparto de comida a domicilio. “As cadeas de comida rápida ven unha maneira de externalizar servizos, así sáelles máis barato porque externalizan servizos en vez de contratar traballadores propios” sinala Castro. Sería unha maneira de reducir os gastos pagando un plus a estas empresas de mensaxería.
“É moi difícil facer traballo sindical dentro destas empresas porque a problemática está descentralizada, non é como nunha fábrica, os traballadores serán autónomos, que non teñen dereito a representación sindical en teoría e diversificados” explica Ricardo Castro. “A economía do século XXI non é como a do XXI, a explotación é igual pero os métodos son diferentes o que obrigaría a cambiar a maneira de facer sindicalismo”.
Hai tamén unha sensación de “colegueo” que parece saír da actitude de directivos e xefes destas empresas de mensaxería. “Eu teño este choio, ti repartes esta historia etc, iso dase por dúas cousas, por unha perda de conciencia de clase, nos últimos vinte anos a xente deixou de pensarse como clase traballadora para pensar en ser clase media” di Ricardo Castro. “Tamén está a outra parte, a dos mesmos consumidores que non facemos autocrítica, chamamos para que traian unha pizza mentres estou tirado no sofá, mais non penso nas condicións laborais da persoa que trae o meu pedido”.
A precarización dentro deste sector leva parella a precarización laboral e salarial, con soldos que están por debaixo dos que había só uns anos atrás, antes da crise, facendo os mesmos traballos. Todo o diñeiro que aforran en salarios cae directamente na empresa que incrementa o seu capital e de aí, o seu valor de cara futuros investidores que revaloricen as súas accións no mercado. Caso de Deliveroo, participado por Amazon e outras empresas, aínda que as críticias tanto no laboral como en atención ao cliente e reclamacións por falta de entregas ou atrasos, estarían mermando a reputación desta empresa.
“Os tempos son outros e creo que a figura do falso autónomo se vai reproducir non só con estas empresas senón noutros sectores que ata o de agora, viñan realizando a contratación de traballadores por conta allea” apunta Ricardo Castro. “Os beneficios destas empresas tamén repercuten en grandes empresas, porque as grandes compañías dixitais, cando ven que un negocio pode ir para adiante, invisten cantidades inxentes de diñeiro” explica Francisco Sío.
En tal caso, o final podería ser que estas empresas, o mesmo que dentro doutros sectores, acaben monopolizando as entregas dividindo o territorio para impor as súas condicións, os seus prezos e os seus salarios. Todo a conta da falta de seguridade laboral, a conta da perda de dereitos e o uso fraudulento de determinadas figuras laborais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.