EN FOTOS | Así se turistificou Santiago: o antes e o agora de sete pequenos comercios da capital galega

A globalización e o turismo deixa a súa pegada sobre o espazo, e o paso do tempo permítenos ver os procesos económicos e sociais sobre os lugares que habitamos. Galicia Confidencial fai unha viaxe no tempo a algúns dos comercios míticos de Santiago, agora convertidos en locais turísticos.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 18/06/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os espazos que antes eran ocupados por ferraxerías, mercerías, comercios de artesanía, ultramarinos, librarías ou restaurantes locais agora son invadidos por tendas de souvenirs, bares ou restaurantes que pertencen a cadeas. É unha tendencia que se foi asentando á par que a economía se foi redireccionando cara ao turismo e cara ás políticas globalizadoras. 

Da droguería Pérez-Labarta ao restaurante Benboa. Fotografía superior: La Casa de La Troya
Da droguería Pérez-Labarta ao restaurante Benboa. Fotografía superior: La Casa de La Troya

Así pois, dixemos adeus ao Ultramarinos El Dubres, á librería Galí fronte á que ten posado Valle-Inclán, á libraría Médica que visitaban os estudantes de Medicina, á histórica droguería Pérez Labarta ou ao lexendario restaurante Alameda que acollera tantas tertulias políticas e culturais. Hoxe no canto de debates, hai un Döner Kekab. No canto de libros, hai souvenirs de cunchas ou gaitas traídos da China; e no canto deses tendeiros que te atendían dende esa idiosincrasia tan propia, agora hai bares que colgan os seus carteis en idiomas alleos.

O PEQUENO COMERCIO QUE (SE) RESISTE 

Mais hai quen aínda mantén as forzas. Algúns comercios emblemáticos, coa aura de perseveranza e profesionalidade que os fai engaiolantes, seguen hoxe en pé e reforzan a identidade de toda unha cidade. Ultramarinos Cepeda - na praza de Cervantes, antiga praza do Pan - é un deles. "É difícil resistir á competencia dos grandes, a xente marcha da zona vella, os apartamentos alúganse por tres ou catro días e a clientela fixa vaise reducindo" -  José Luís Cepeda fala dende detrás dun mostrador de madeira dende o que leva atendendo á clientela case 60 anos - "Loitamos como podemos. Tampouco hai queixa".

Xastrería Pepecillo, Calzados Carmo, Confecciones Riande... E outros máis novos: a Libraría Lila de Lilith, Chan da Pólvora, a tenda de conservas Catrineta... A lista aínda é longa. Son comercios que rompen con estas tendencias que aquí fotografamos. Comercios que nos permiten exercer o noso dereito á cidade. Segundo o xeógrafo Xosé Constenla, "este dereito hai que loitalo e conquistalo. Non é algo que nos sexa dado e que non vaiamos perder. As corporacións financeiras tamén consideran que teñen dereito á cidade e os turistas tamén. Polo tanto, que dereito prevalece sobre o outro? No capitalismo, o do máis forte". 

Da libraría Galí á tenda de souvenirs. Foto superior: Pinterest
Da libraría Galí á tenda de souvenirs. Foto superior: Pinterest

Fronte a isto, a vía para que sobreviva o pequeno comercio urbano, para Constenla, pasa por unha emancipación en clave de País, "nun xogo moi activo de corresponsabilidade e alianzas co rural próximo e con outras vilas e territorios". Na base popular, nos colectivos e comunidades, nos "vínculos emocionais que son quen de crear lugares" están as claves "fronte ás lóxicas do capitalismo". Di Constenla que "a militancia no local debe tecerse e contruír unha malla máis ampla" para que o pequeno comercio, e polo tanto, tamén as cidades, gocen de mellor saúde. 

FUXIR DO MODELO "MARISCO E POLBO"

Aos agricultores e restauradores con proxectos propios e diferenciados tamén lles afecta a turistificación das cidades. Fuxir do modelo de carta que solicitan os visitantes implica un posicionamento. O Restaurante A Moa é un bo exemplo disto. Un dos seus fundadores, Manuel Fernández, teno claro: "non teño nin arroz nin polbo porque teño un proxecto e quero seguir defendéndoo. Se me meto niso podo seguir traballando e facendo cartos, pero este proxecto convertiríase nun simple medio para facer cartos". Dilemas semellantes teñen os agricultores da contorna que abastecen de produtos este tipo de locais. Por unha banda, o modelo macro que funciona na faceta turística colisiona coa agricultura minifundista. Pola outra, acontece que fóra deste circuíto gastronómico quedan unha morea de sabores e saberes: "calquera de nós sabemos que non só de pan, queixo e Tartas de Santiago nos alimentamos, e que non só iso é o que producimos. Para as que levamos un modelo de agricultura familiar... estamos listas!", retruca Carme Freire, produtora e comercializadora agrícola.

En definitiva, os turistas que veñen visitar a cidade provocan cambios nela, pero esas transformacións só as sofren quen habita sempre o lugar. Borramos historias de verdade por outras pasaxeiras. Creamos paisaxes sen contido e sen identidade propia. Producimos escenarios e esquecémonos do territorio, esoutra concepción de quen vive e traballa no lugar. "Cambiamos un mundo sen paisaxes por unhas paisaxes sen mundo" (Marc Badal, 2017).

De El Dubres á tenda de souvenirs. Foto superior: Google Maps
De El Dubres á tenda de souvenirs. Foto superior: Google Maps
Da mercería ao albergue. Foto superior: Google Maps
Da mercería ao albergue. Foto superior: Google Maps
Da libraría Médica á tenda de souvenirs. Foto superior: Google Maps
Da libraría Médica á tenda de souvenirs. Foto superior: Google Maps
De Media Lúa, tenda de coiro tradicional, a O camiño empeza agora, unha tenda que tamén ofrece artesanía, gastronomía e literatura de calidade do Camiño de Santiago, Foto superior: Media Lúa
De Media Lúa, tenda de coiro tradicional, a O camiño empeza agora, unha tenda que tamén ofrece artesanía, gastronomía e literatura de calidade do Camiño de Santiago, Foto superior: Media Lúa
Do restaurante Alameda ao Döner Kebab Newroz. Fotografía superior: Zerkowitz
Do restaurante Alameda ao Döner Kebab Newroz. Fotografía superior: Zerkowitz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

8 eusi

Os santiagueses ficamos traquilos, a promotora Bugallo-Construciones-Endebeda-Concello chega para facer máis e máis predios para ficaren vacios e solucionaren todos os problemas de Compostela (dos que non teñen onde meter cartos negros, e dos medios controlados polas grandes construtoras). Que felices seremos los dos, y que dulces los besos serán...

7 Diego X.

A metade dos que protestan por isto nensequera están empadroados en Santiago

1 galician

E...? Para darse conta de algo hai que ser dalí? Eu vivín 22 anos en Santiago (ao mellor máis que ti) e non me gusta o que pasa. Pero é mundial e de difícil solución sobre todo por quen vai a eses sitios. Selfie ao lado dun letreiro, selfie ao lado dun campo de concentración, selfie... E a maioría nin sabe onde estivo nin coñece nada do que visitou.

6 o camiño empeza agora

(VEN DO ANTERIOR) Mencionades a necesidade de comercios que permitan exercer o noso dereito á cidade e a importancia de tecer alianzas co país e con vilas e territorios. Pois ben, traballamos con artesáns e produtores galegos e dos diferentes territorios polos que descorre o Camiño de Santiago, nun intento precisamente de tecer camiños, vínculos e sermos protagonistas do noso proxecto, que é noso, e non unha copia nin franquía doutro preexistente. Finalmente, só nos queda convidarvos a que vos pasedes por "o camiño empeza agora", para comprobar de primeira man o que vos dicimos e para profundar mesmo se queredes neste debate.

5 o camiño empeza agora

Desde "o camiño empeza" agora queremos facer constar o noso rexeitamento a que nos incluades nesta escolma de fotografías. Se ben estamos de acordo coa crítica de fondo desta información e, polo tanto, contra as dinámicas que favorecen a perda da propia idiosincrasia da cidade, cremos que non é xusto que consideredes ao noso comercio un exemplo desa realidade. "O camiño empeza agora" ofrece artesanía, gastronomía e literatura de calidade, lonxe desas tendas de souvenirs, cadeas ou comercios que venden, como dicides, cunchas e gaitas traídas da China. Ademais, se ben o peregrino é o cliente ao que inicialmente se dirixe, tamén está orientado aos veciños de Compostela, entre os que contamos con moitos clientes. (CONTINÚA)

4 non voltaran

por desgracia e un tema de oferta -demanda, copia e mimetismo duns cos outros, e tamen o reflexo dunha sociedade de usar e tirar, a dia de hoxe e impensable un taller de carpinteria nao casco vello, ou aguantar os alquileres dun baixo por parte dun comercio tradicional e con pouca demanda, mirade senon alibreria de Harry potter en Porto. desengañadevos o pasado non vai voltar, aquela sociedade, usos e costumbres foronse en parte empurradas e en parte deixadas por nos.

1 Perais

a mim gústame