A reforma de Mariano R.

Así como Feijóo leva tres anos empobrecendo Galicia, económica e socialmente, empeza Rajoy o seu goberno facendo unha España máis inxusta.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 22/02/2012

Comparte esta noticia

  A reforma de Mariano R., inspirada –inda que el non o saiba–  nos postulados de David Ricardo (1772-1823), representa un chanzo máis desta contrarrevolución na que están empeñadas as forzas ultraliberais que rexen os destinos económicos do continente. Unha contrarrevolución que pretende derrogar os beneficios da clase traballadora e devolver o mando absoluto á elite empresarial. 

 
En algo estaremos seguramente de acordo: a reforma desacredita os convenios colectivos, facilita dun xeito moi notable o despedimento e faculta ós empresarios a modificar as condicións básicas de traballo dos empregados. Coido que incluso habería bastante consenso ó prever unha contracción do consumo polo incremento da incerteza laboral, e incluso do crédito persoal pois os bancos non serán alleos a este mesmo efecto. A discrepancia xorde na avaliación das consecuencias sobre  as propias cifras de desempregados: mentres para uns agudizará o paro, para outros permitirá a creación de emprego no medio prazo. 
E a partir de aí, espazo para as interpretacións persoais. A miña é que esta reforma está elaborada por matemáticos. Calcularon eles canto había durar aínda a recesión: uns tres anos máis, valoraron. Así pois, xusto para gañar as vindeiras eleccións. E para presumir dos efectos benignos das súas reformas malia que, na realidade, nada contribuíran. A recuperación virá como chega sempre, porque isto é unha sucesión de ciclos, uns máis longos, outros máis curtos. E daquela nada se poderá dicir porque os feitos son os feitos e a norma xa cumpriu. E eles, os donos do capital, serán máis ricos e poderosos, e o resto, os fornecedores do traballo, pois máis pobres e desamparados. 
Fixádevos: a reforma podería ter algún sentido se en España o paro estivese por debaixo da media europea, por exemplo (é o dobre) e se a mecánica da recolocación funcionase de xeito eficaz; se a economía española presentase un alto índice de rexeneración e de xestación de novas iniciativas e proxectos, se o investimento e o emprendemento fosen dúas forzas motrices do tecido social; e se os traballadores, entendidos como parte corresponsable dos éxitos e dos fracasos das empresas, participasen equitativamente dos beneficios xa que han sufrir lexislativamente as perdas. 
E que propugnaba o David Ricardo? Pois basicamente que o modo de maximizar os beneficios era mantendo os traballadores nos lindes da supervivencia, sen dereitos laborais e con retribucións mínimas. Emitiu a chamada “lei de bronce dos salarios”: o salario ha reducirse ó estritamente necesario que permita ó obrero subsistir e reproducirse. Pasaron dous séculos mais a filosofía do liberalismo mantense fiel ás súas raíces. David Ricardo, por certo, uns dos primeiros multimillonarios ó amparo da especulación financeira. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego