A esquerda soberanista e independentista

A decisión do Encontro Irmandiño de abandonar a militancia no BNG dá paso a un novo ciclo político no País e no nacionalismo galego. Agora, con ilusións renovadas, precisamos dar saltos cualitativos que situen a soberanía política e económica no cerne do proxecto da nación e da clase traballadora.

Por Aurélio Lopes | Compostela | 22/02/2012

Comparte esta noticia
Son días de debate e controversias no conxunto do nacionalismo galego, de esquerda á dereita e do independentismo ao autonomismo. A decisión adoptada polo Encontro Irmandiño veu abrir en canal o conxunto das tensións políticas e sociais que se viñan producindo no movemento nacionalista. Por unha banda as acumuladas durante o governo PSOE-BNG, e por outra as derivadas da resituación política posterior ao ascenso de Núñez Feijoó ao poder. 
 
Durante o governo bipartito, a entente UPG-Quintanismo, acumulou muitas das tensións que agora estoupan. Non tanto pola estratexia, xestión do marco autonómico, que viña sendo a aposta do BNG desde muito antes, senón polas consecuencias que se derivan de xestionar, na praxe, unha autonomia co PSOE. En diferentes momentos do governo confrontou  co sindicalismo obreiro, labrego, con organizacións de defensa da terra, con organizacións independentistas que sufrían represión… Isto provocou por unha banda o artellamento e fortalecimento de espazos de construcción nacional e mobilización á marxe do BNG e por outra banda, os primeiros choques no seu seo, con escisión na UPG, que deu lugar ao Movemento pola Base e o abandono da “casa común” por parte desta corrente. 
 
A perda do governo da Xunta non veu poñer fin ás tensións acumuladas. A UPG interiorizou os “excesos” quintanistas e facendo táboa rasa da sua responsabilidade compartida, veu buscando resituarse na mobilización social e na recuperación de parte da credibilidade perdida entre os sectores da esquerda nacionalista máis consciente. Esta vontade de resituarse no plano interno do nacionalismo galego coincide cunha conxuntura de fortalecimento do independentismo basco e catalán, a crise capitalista e a degradación das institucións españolas (coroa, clase política, corrupción…). 
 
É neste punto onde arrancan os últimos acontecimentos aos que estamos a asistir. Para resituarse, a UPG precisou exercer o seu poder e a súa capacidade como partido ben organizado e disciplinado. No plano subxectivo, importante nos procesos sociais, provocou reaccións á defensiva de quen se sinte maltratado. Para diferentes sectores do BNG, isto converteuse en argumentación política. Mais para o asentamento dun novo proxecto político isto revélase intrascendente.
 
O definitivo agora vai ser a formulación do proxecto político-ideolóxico á marxe do BNG. Dentro desta resituación, os sectores articulados por volta de +GZ ollan como a perspectiva trazada polo “quintanismo” se esvaece. Algúns xa se sitúan fora e outros aínda reflexionan. O resultado final está por ver.
Cousa distinta é os sectores progresivos á esquerda soberanista. Este é un proceso que xa se viña decantando en base aos procesos dos que antes falabamos. O escenario aberto agora ten que servir para avanzar na articulación deste espazo socio-político.
 
O necesario salto cualitativo
 
Cremos pois, que o único espazo socio-político posíbel, para materializar o cambio de ciclo dentro do proxecto do nacionalismo galego, é o da esquerda soberanista e independentista. No plano subxetivo existe descoñecemento entre sectores, desconfianzas e medos. Provavelmente tamén teremos que repensar métodos organizativos e intelixencia nas alianzas. Mais no fundamental, os piares xa estaban postos: a construcción nacional, a superación do marco xurídico-político, a defensa do monolingüismo social, o sindicalismo nacionalista e de clase, a solidariedade cos que sofren represión...
 
Mentes abertas, disposición ao diálogo, firmeza nos princípios e claridade nas formulacións políticas. Por iso Causa Galiza tende a mán a todos os sectores do nacionalismo que sinten a necesidade de materializar o cambio de ciclo cunha nova formulación política e organizativa do nacionalismo galego. O próximo día 18 de Marzo convocamos unha Asemblea Nacional aberta a todos os independentitas e soberanistas para lograr que a crise do nacionalismo e o cambio de ciclo se traduzan nun salto cualitativo para dar a batalla en todos os terrenos: a Esquerda Soberanista e Independentista. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA