Unha ruptura demorada de máis

Luis Villares e outros tres dos catorce deputados do Grupo Parlamentario de En Marea asinaron o seu pase ao Grupo Mixto, mentres unha quinta-Flora Miranda- anunciou a súa demisión inmediata.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 23/06/2019

Comparte esta noticia
Deuse, pois, unha situación inédita: que os deputados suxeitos á liña política marcada polos órganos  lexítimos do partido tivesen que deixar o Grupo no canto de facelo os deputados que racharan coa disciplina orgánica. Esta situación sería impensábel no eido local, onde as disposicións antitransfuguismo permiten a expulsión dos concelleiros rebeldes de cadanseu grupo local. Mais o Regulamento do Parlamento de Galicia non ten normativa análoga. 
 
Compre lembrar que ás eleccións nacionais galegas de 2016 compareceu un partido, En Marea, fundado o 29 de xuño de 2016 como organización nacional galega e plenamente soberana. A desaquelada proporción obtida por Podemos entre os catorce deputados (sete, hoxe seis pola adscrición de Pancho Casal á liña oficialista de En Marea) explícase nunha trampulleira abordaxe telemática  do proceso de primarias das candidaturas que implícitamente recoñeceu Echenique e marcou o comezo da colonización podemita.
 
Ficou entón claro que existían dous proxectos, un nacional galego e outro que acreditaba seren sucursal da esquerda española, cada vez máis xerarquicamente sometida ao personalismo de Pablo Iglesias. Velaí que a ruptura tardara de máis. Habería ter chegado moito antes, quizais xa cando o chamado grupo confederal no Congreso impediulle aos deputados Alexandra Fernández e  Miguel Anxo Fernàn Vello actuar como auténticos voceiros. Pagaba ben máis a pena que Fernàn Vello e Alexandra Fernàndez, ao xeito do que intelixentemente fixeron os catro deputados de Compromis, pasaran a Grupo Mixto para visualizaren a liña política que querían as bases de En Marea. 
 
Mais Deus nos libre dun xa foi. Aquí pasou o que pasou e En Marea enfronta o seu futuro sen representación nas Cortes nin nos principais concellos galegos, só con algunha representación local propia ou próxima nalgúns concellos medianos e pequenos. E ten de decidir o seu futuro dende esas desfavorábeis condicións, quizais a só un ano das vindeiras eleccións nacionais galegas.
 

Luis Villares e Pablo Iglesias
Luis Villares e Pablo Iglesias
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.