O PP pide apoio ao proxecto de lei contra a okupación e a oposición cre que introduce un "estado policial"

O texto contempla, entre outras medidas, a posibilidade de desaloxar unha vivenda okupada ilegalmente nun prazo "express" de 12 horas, así como a agravación deste delito.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2019 | Actualizada ás 21:07

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia debateu este martes en pleno unha proposición non de lei presentada pola deputada do PPdeG Paula Prado para pedir aos partidos da oposición que se pronuncien a favor do proxecto de lei orgánica que "vela contra a okupación ilegal", que foi presentado no Congreso dos Deputados polos populares.

Así, tal como explicou Prado, este texto contempla, entre outras medidas, a posibilidade de desaloxar unha vivenda okupada ilegalmente nun prazo "express" de 12 horas, así como a agravación deste delito.

Manifestación convocada pola Asociación Gatos Roxos, contra a okupación de vivendas e os okupas do barrio das Gándaras en Lugo
Manifestación convocada pola Asociación Gatos Roxos, contra a okupación de vivendas e os okupas do barrio das Gándaras en Lugo | Fonte: Lugo Xornal

Na súa exposición, referiuse a casos como o do edificio Algalia de Santiago de Compostela ou o barrio das Gándaras da cidade de Lugo, así como a "extrema violencia" que supoñen estas situacións.

Pola súa banda, a socialista Patricia Vilán criticou que o PPdeG "utilice a súa maioría absoluta" para aprobar proposicións non de lei en Galicia sobre temas que "só se poden aprobar por lei orgánica no Congreso e o Senado", onde o PP "só ten 66 deputados".

Para ela, este documento "introduce un estado policial", xa que recolle a posibilidade dun "desaloxo preventivo" e que os propietarios poidan chamar á policía para desaloxar unha vivenda e os corpos da lei o fagan " sen máis". "E penas de prisión sen que exista violencia ou intimidación sobre persoas ou cousas", engadiu.

Na mesma liña referiuse o BNG a través do seu deputado Xosé Luís Rivas, quen sinalou que o Parlamento galego "non ten que facer seguidismo ás políticas de Pablo Casado". Así, defendeu o dereito á vivenda que recolle a propia Constitución.

Desde En Marea, Antón Sánchez ironizou dicindo que "se se fala de okupación ilegal, é que xa hai unha lei que di que é ilegal", polo que, ao seu xuízo, o que pretende o PP é "rebaixar as garantías" que sostén esa norma.

Neste sentido, criticou que os populares "falen de que existen mafias da okupación en Galicia", mentres "lle dá as costas ao gran problema de exclusión residencial".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Non sei que terá que ver o dereito a vivenda coas ocupacións. ¿ O xeito de ter dereito a vivenda é ocupar as alleas ?