Cando o galego se coñece cantando en Arxentina ou lendo a Rosalía no Brasil

Comeza o curso de verán Galego sen fronteiras e unhas setenta rapazas de máis de vinte nacionalidades vivirán unha experiencia dun mes en Santiago para coñecer o idioma e a cultura galegas. Galicia está espallada polo mundo adiante e esta iniciativa internacionaliza aínda máis a lingua nai do país.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 02/07/2019 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

Setenta mozos e mozas de máis de vinte nacionalidades diferentes congregáronse este martes na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela para dar comezo a unha experiencia cultural e lingüística ao longo do país durante todo este mes. Son todas elas estudantes comprometidas coa aprendizaxe do idioma galego que iniciarán o curso Galego sen fronteiras, organizado pola Real Academia Galega e o Instituto de Lingua Galega. 

No acto de presentación do curso de verán Galego sen fronteiras
No acto de presentación do curso de verán Galego sen fronteiras

Durante este mes, que será ben intenso para todas elas, aprenderán e perfeccionarán a lingua e coñecerán a cultura e a identidade galega de primeira man. Teñen previstos obradoiros de música, canto e baile galego, e tamén visitas á Torre de Hércules e a Fisterra, "a fin do mundo, para que non digan que non somos rumbosos os galegos!", comentaba riseira María Liliana Martínez no acto de presentación do curso. Na mesa tamén estaban o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o director do Instituto da Lingua Galega, Xosé Luís Regueira; o secretario de Política Lingüística, Valentín García; e o reitor da USC, Antonio López. 

Fronte a todos eles, alí se atopaban unhas setenta alumnas cunha curiosidade inmensa por descubrir que é aquilo ao que se chama Galicia. Comentaba Freixanes na súa intervención que este era un país espallado polo mundo adiante. Algo de certo debe ter aquel dito que di que antes de chegar Armstrong á lúa, xa había alí un galego co seu posto montado. Galicia está no mundo, e o seu idioma tamén. Estes cursos serven como ferramenta para internacionalizar a lingua, reforzala e valorizala. 

COÑECER E VALORAR O IDIOMA

Sara, unha das estudantes deste curso, vén de Suíza e é filla de pai galego e de nai suíza. Segundo di -cunha fonética envexable-, esta experiencia é importante non só para elas, senón tamén para o propio pobo galego: "pode axudalo a intensificar a súa autoestima e fortalecer a súa identidade: as xentes, o territorio, a lingua...". Isabel Cid, outra das estudantes, tamén ten ascendencia galega. Ela é de Arxentina pero a súa avoa naceu en Galicia. "Ela non galaba en galego cando marchou, morreu sen aprenderme o idioma. Pero eu comeceu a cantar nun coro alá en Arxentina e a tocar a gaita... Así que coñecín o idioma cantando". Contaba Isabel que no seu país se reunía para falar galego e que pouco a pouco foi collendo soltura no idioma. "Teño moitos erros, pero cando falo galego, soa galego, iso encántame. Hai que escoitar o que di o sangue". 

Do outro lado do charco tamén veu Kelly, concretamente do Brasil. No seu caso foi a literatura a que lle abriu as portas ao galego. "Hai un tempo coñecín a un escritor galego, Daniel Asorey, e lin o seu libro Nordeste, que fai un paralelo entre o Brasil e Galicia", conta. Se ben estudou español hai máis de 15 anos, ela nunca esqueceu o soño de vir aquí e coñecer o país. "Encántame esta cidade, Santiago, e creo que este é un pobo dunha cultura moi rica. Dicía antes que ata as pedras conteñen historia...". Ao longo da conversa, Kelly recordaba aquela vez en que lle mostrou un libro de poemas de Rosalía a unha cativa no Brasil. "A nena leu e díxome unha cousa moi linda: "fálannos diferente". Ela pensaba que o galego e o portugués eran a mesma lingua. Encantoume moito esa fala da nena".

Co gallo de non mesturar o galego, o postugués e o español tamén veu aprender a estes cursos Ana, dende Córdoba. "Estiven na Universidade de Lisboa e alí había un centro de lingua Galega, o noso lector informounos destas bolsas e... ata aquí!", conta leda. "Espero desta experiencia afondar na lingua e vivir unha experiencia única en Galicia. Todo o que teña que ver coa aplicación da lingua noutros ámbitos é importante", pensa. Dende Cataluña veu Ariadna, unha rapaza que ten amigos galegos e que aprendeu o idioma a canda eles. Con todo, tiña ganas de vir e coñecelo mellor: "é imprescindible estar un tempo no país para comprender o sentido completo dunha lingua". 

Sara, Isabel, Kelly, Ana ou Ariadna son algunhas das rapazas que vivirán esta experiencia nos próximos días. Todas elas, consciente ou inconscientemente, "dinamitarán as fronteiras, os muros que nos impiden coñecernos... E se non nos coñecemos non nos amamos", dicía Freixanes, que remataba a súa intervención con estas palabras ben convencidas: "Ides marchar namoradas entre vós e tamén dun país cheo de vida. Celebrade o país, a terra e a cultura". Así han facer. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 uu1

Concordo com Caleiro, dentro de pouco a nossa língua só se falará fora da Galiza!

1 Caleiro

Moi ben. A ver se a RAG e o ILG se animan e fan o mesmo en todos os concellos de Galiza. Os meus sobriños non falan galego e seríalles moi útil e divertido coñecer novas linguas e culturas...