Xa hai acordo para a venda a Parter das plantas de Avilés e A Coruña

"O investidor garante o 100% do emprego e a apertura das dúas plantas", din dende o Goberno español. O comité de empresa da Coruña explicará en asemblea o pacto .

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 05/07/2019 | Actualizada ás 09:29

Comparte esta noticia

Os sindicatos alcanzaron un acordo con Alcoa para a venda das plantas de Avilés e A Coruña ao fondo suízo Parter, segundo asegurou este venres o secretario xeral de Industria e da Peme, Raúl Blanco.

Fábrica de Alcoa en Avilés. EUROPA PRESS - Arquivo
Fábrica de Alcoa en Avilés. EUROPA PRESS - Arquivo

Blanco, en declaracións á Cadena SER e a RNE recollidas por Europa Press, explicou que non se pechará ningunha das dúas plantas nin se perderá ningún emprego. "O investidor garante o 100% do emprego e a apertura das dúas plantas. Haberá un futuro industrial para as 600 familias pendentes", asegurou Blanco, que expresou a súa satisfacción pola consecución esta madrugada dun acordo após 12 horas de reunión e meses de negociacións e mobilizacións sindicais.

Blanco afirmou ademais que a vontade de Parter é ir máis aló dos 24 meses acordados até agora para a apertura das dúas plantas. Non entanto, precisou que se Parter non consegue presentar as garantías que lle pide Alcoa antes do 31 de xullo, "executaríase o expediente de regulación de emprego (ERE), unha opción que, segundo dixo, agora mesmo "non se contempla".

EXPLICACIÓN DO PACTO

 

Pola súa banda, o comité de empresa de Alcoa na Coruña ten previsto explicar este venres, 5 de xullo, ás 15,30 horas nunha asemblea informativa "máis pormenorizadamente" as condicións establecidas do acordo para a venda das plantas de Avilés e A Coruña ao fondo suízo Parter.

 

De feito, o comité confirmou que na reunión que concluíu na madrugada deste venres "chegouse a un acordo para ampliar o prazo da execución de venda das plantas ao 31 de xullo de 2019". "O mesmo prazo que Parter ten para presentar as garantías financeiras que acordou con Alcoa", lembrou o comité de empresa nun comunicado.

 

Así mesmo, puntualizou que, se a 31 de xullo Parter "cumpriu co establecido no tocante ás condicións financeiras acordadas con Alcoa", levará a cabo a venda das plantas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta