Jácome querería concorrer ás autonómicas e replica a quen non entende o pacto con Baltar: "É o seu problema"

Relata que chamou a Baltar pai o segundo día tras o 26M, pero cingue a súa intervención na negociación a que lle respondeu: "Xa te chamarán". Estuda remunicipalizar ata tres servizos e A Chavasqueira, e avisa a funcionarios que perderían o seu posto se incumpren horarios e obxectivos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2019 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, admite que en Democracia Ourensana (DO) estarían "encantados" de presentarse ás eleccións autonómicas de 2020, pero condiciónao a que o PP lles dea "vía libre" a facelo, posto que o pacto asinado con José Manuel Baltar polo que accederon ao goberno local lles impide competir contra os populares noutros comicios.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, o recentemente electo rexedor da cidade das Burgas asegura que o PP "se equivocou" ao incluír esta cláusula no acordo: "Dixémoslles que lle restamos máis votos ao PSOE que ao PP. Cometeron un erro".

Así, preguntado sobre se DO manterá o pacto e non se presentará ás galegas do 2020, replica: "Cruzaremos o río cando cheguemos a el". E é que a pesar de dicir que "non está disposto, agora mesmo, a romper a súa palabra", dá un rotundo "si" a que presentarían candidatura se os populares levantan este veto.

Gonzalo Pérez Jácome (Ourense, 1969) accedeu á Alcaldía da terceira cidade de Galicia o pasado 15 de xuño grazas a un acordo asinado o día antes co presidente do PP provincial para formar gobernos de coalición tanto no Concello como na Deputación.

Tras pactar con quen chegou a chamar "cacique" e "psicópata con gravata", o líder de DO considera que os seus electores "se equivocaron" ao votarlle e estano " menosprezando" se preferían que desaloxase a Baltar en lugar de converterse en rexedor. "Estou aquí porque houbo xente que me votou para cambiar a cidade de Ourense. Se moitos non o entenderon, é o seu problema", esgrime.

E é que Jácome sempre sostivo que "pactaría co diaño se traía o ceo para Ourense". "E niso estamos", ironiza, aínda que despois matiza: "Do diaño para arriba collen todos".

ASEGURA QUE BALTAR "CAMBIOU"

Na mesma semana na que escenificou o seu entendemento con Baltar nunha rolda de prensa conxunta, Jácome mostra a súa "sorpresa" ao ver que o presidente provincial "cambiou" tras perder a maioría absoluta na Deputación. "Imos ter mellores colaboradores agora que se tivésemos un compañeiro de viaxe como o PSOE ou o BNG. Non hai mal que por ben non veña", engade.

A pesar diso, advirte que dentro de catro anos DO podería facer "unha cousa totalmente distinta" e pactar cos socialistas, porque o seu obxectivo "é Ourense, non os pactos co PP". Así mesmo, afirma que mantiveron conversacións co PSOE "ata o último minuto" e que houbo membros deste partido que "estiveron a loitar por detrás": "Recibinos en numerosas ocasións, tanto na miña empresa como no hotel dun amigo". Neste sentido, afea ao PSOE a súa "avaricia", porque "nunca estiveron preto" de cederlle a Alcaldía.

Preguntado sobre se o pai do actual líder do PP provincial, o expresidente da Deputación José Luís Baltar, incidiu nas negociacións, relata que "non se implicou practicamente nada". Aínda así, Jácome desvela que "o segundo día" tras o 26M foi el mesmo quen acudiu a Baltar pai. "Chameino un día e díxome: 'Xa te chamarán mañá'. E non me chamou el, chamou outra persoa", conta.

Acerca de se considerou romper o pacto co PP unha vez xa fora elixido alcalde e que DO tombase a investidura de Baltar, admite: "Todos somos humanos e temos tentacións". "Pero non, foron pasaxeiras", apostila, porque aínda que di que a firma do acordo de cogoberno é "nula de pleno dereito", recalca que "hai que ser moi fiel á palabra".

OURENSE "TOCOU FONDO"

En canto á xestión municipal, o novo rexedor suxire que Ourense necesita "practicamente todos" os cambios posibles porque "tocou fondo". Para Jácome, "dar un envorco" á cidade pasa por "cambiar a curva demográfica" e "crear emprego". Neste sentido, advirte que "quen pode salvala" é "a Xunta e o Estado". "Estou aquí (no Concello) porque non podo aspirar a outra cousa", puntualiza.

Aínda que di que "aínda non" pediu unha reunión ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanza que o fará e que non lle reprochará cando dixo que sería "letal" que el dirixise o Consistorio. "Ten todo o dereito do mundo a dicir iso, do mesmo xeito que eu considero que non é un bo presidente para a provincia de Ourense", contraataca.

Noutra orde de cousas, afea que ata "15 días" despois de facerse coa Alcaldía non recibiu o organigrama e volve cargar contra o que denomina "técnica do escaqueo" dos funcionarios municipais, para o que impón dúas esixencias: "Que se cumpra o horario" e "unha regulación de obxectivos". Preguntado sobre se o traballador podería perder a súa praza se non cumpre con estes obxectivos, responde que "obviamente si", aínda que recoñece que "hai diferentes tipos" de infracción.

Ademais, sostén que "sobra persoal sen cualificar" porque "o 90 por cento entrou por enchufe". En concreto, conta como hai 10 anos entrou "unha quenda de 100" empregados a través deste método ilícito. "Esas persoas, se se convocan prazas, poderían perder o seu posto de traballo, pero está bastante consolidado e é moi difícil revogar ese enchufe", explica, para logo suxerir que "ten que apandar" con eles aínda que hai xente con "talento".

PROXECTOS "IRRENUNCIABLES"

Preguntado sobre os seus proxectos "irrenunciables" para a terceira urbe de Galicia, Jácome non dubida en nomear o parque acuático e o centro de intelixencia artificial. En canto ao primeiro, veo "fundamental" para Ourense, "a cidade máis calorosa do norte de España", e compromete que será unha atracción "única en Europa" porque "levará auga termal" para que tamén estea operativo "todos os fins de semana de inverno".

Con todo, cre que "o que verdadeiramente vai transformar" Ourense e a "crear postos de traballo" é o centro de intelixencia artificial. "Algunha xente ría e o reitor da Universidade de Vigo apoiou o proxecto. Pero o Reitorado da UNED acaba de apoialo, acábannos de dar cita para a próxima semana en Madrid", afirma.

O alcalde insiste en que a súa intención con esta iniciativa é captar "en moi poucos anos" a 1.000 científicos e 500 postos de persoal non científico, aínda que a súa meta inmediata é "empezar con 50 ou 100" a través dun investimento público inicial de entre 7 e 10 millóns de euros. Tamén apostará polo "retorno" de emigrantes e por captar especialistas de Estados Unidos, Inglaterra ou Australia.

Posteriormente, expresa que lle gustaría contar con capital privado e móstrase convencido de que "todas as grandes empresas de Galicia", entre as que menciona Coren e Adolfo Domínguez, "pero tamén de España" acudirían "a asinar un convenio" con este centro de intelixencia artificial.

Tras indicar que pretende aprobar os seus primeiros orzamentos municipais en 2020 --o anterior goberno non o conseguiu en ningún ano do mandato--, Jácome asegura estar "a barallar" a remunicipalización daqueles servizos para cuxa prestación o Concello "teña capacidade humana e técnica".

Concretamente, menciona a limpeza das rúas, a asistencia a domicilio e os autobuses urbanos. "Non é que o vaiamos a estudar, é que xa o estamos estudando. Outra cousa é que ao final se aborde ou non, porque a burocracia afógate", asenta.

Preguntado sobre o plan para recuperar as termas da Chavasqueira tras o incendio do pasado mes de abril, Jácome mostra a súa intención de "rescatar" a concesión, porque a actual, cun canon de "soamente 800 euros ao mes", é "unha estafa". Deste xeito, aposta por que ou ben "sexan públicas", ou ben saian a concesión "a prezo de mercado".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha entrevista con Europa Press.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha entrevista con Europa Press. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Nótase demasiado que Jácome non sabe do que fala. Non ten idea de normas xurídicas, nen nada que se lle pareza. Fala coma se estivese nun ultramarinos. O do parque acuático zona a bluff, e do " captar talentos", mais todavía. ¿ E non haberá en Ourense , non sei, xente con algo mais ( non fai falta moito) de estudos e preparación que se presentase a Alcalde ?