Os celadores dos hospitais tamén en loita: "Soamente pedimos que nos deixen traballar"

Os celadores das áreas sanitarias galegas realizarán unha concentración nos principais hospitais sen a participación dos grandes sindicatos. Piden estabilidade laboral e o Sergas responde que xa hai convocatorias públicas abertas.

Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2019 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Os celadores das áreas sanitarias de Galicia realizarán unha concentración nos principais hospitais o venres 12 de xullo ás 12:00. A convocatoria está organizada polos propios celadores de cada centro de Galicia de forma conxunta e non está auspiciada por ningún tipo de plataforma nin de sindicato. O colectivo mobilízase ante o que consideran unha progresiva desaparición da súa profesión dentro do Sergas.

Manifestación pola sanidade en Vigo
Manifestación pola sanidade en Vigo | Fonte: Miguel Núñez

Ángel Bergueiro, un dos celadores que participarán nas mobilizacións, explica que a orixe da protesta é principalmente a supresión de postos de traballo da súa categoría nos Centros de Saúde, Atención Primaria e PACs:  “Estanos substituíndo progresivamente por PSX (Persoal de Servizos Xerais), un híbrido entre a figura de celador e persoal administrativo”.

Ademais, denuncia que o Sergas está a facer esta substitución dun xeito “escuro” xa que, segundo Bergueiro, “están a cubrir xubilacións e vacantes da categoría de celador por PSX, o que incumpre o Pacto de Contratacións dun xeito manifesto ao substituír as baixas dunha categoría por outra diferente”. Explica que se non cambian as cousas “a figura do celador desaparecerá”. Pon o foco no novo Plan de Atención Primaria: “Sabemos que aínda están nun período de negociación, pero tamén que os celadores non estamos enriba da mesa”.

Segundo o colectivo, os PSX teñen recoñecida a súa cualificación profesional dende o ano 1996. “Foi creada para que unha persoa puidese aglutinar funcións en zonas rurais pero o que aconteceu é que a día de hoxe o nosa categoría xa non existe en practicamente ningún centro de saúde e corre perigo na Atención Primaria”, laméntase Bergueiro. Ademais, o celador di “non entender nada” porque nas oposicións para a súa categoría obríganlles a estudar informática. “Estamos a facelo para que logo nos quiten esa función. Deixa claro tamén que os celadores non teñen nada contra os PSX:  “Non temos problemas con eles, o único que aquí temos que traballar todos”.

SEN SINDICATOS

As mobilizacións son convocadas polos traballadores de toda Galicia que se uniron ante a problemática alén dos sindicatos, xa que consideran que en ningún momento se posicionaron ao seu favor: “Non consideramos que estean a velar polos nosos intereses, por iso pedimos que dean un apoio público ás nosas reclamacións. Entendo que deben pular por todas as categorías, pero nós levamos toda a vida no Sergas e nos merecemos que nos traten como debe ser”, reclama Bergueiro.

Medio centenar de persoas concéntrase no Hospital do Salnés para reivindicar 'un mínimo de 10 celadores máis'. CELADORES DO SALNÉS
Medio centenar de persoas concéntrase no Hospital do Salnés para reivindicar 'un mínimo de 10 celadores máis'. CELADORES DO SALNÉS

O celador tamén denuncia que non teñen ningún lugar onde ir cando por idade non poden seguir cumprindo a súa función. “É evidente que chega a un punto onde o corpo non da para seguir movendo grandes pesos e non temos ningún posto onde recolocarnos, por exemplo estaban as porterías pero están a privatizar estes servizos, polo que nos quedamos sen saída”. Ademais, explica que outros colectivos dentro do Sergas, como as enfermeiras, si teñen espazos para facelo: “Estamos discriminados”, laméntase.

Bergueiro considera que as súas reivindicacións son totalmente lóxicas e pide apoio: “Non queremos cobrar máis cartos, soamente pedimos que nos deixen traballar e non fagan perigar pola porta de atrás á nosa profesión”. Ademais, denuncia que a pesar dos seus intentos, en ningún caso tiveron ningún tipo de comunicación por parte do Sergas respecto a súa configuración dentro do ecosistema do servizo.

Ademais da concentración do venres, o colectivo ten planeado elaborar escritos con firmas. Tamén teñen en mente levar a cabo unha manifestación en Santiago de Compostela sen data confirmada polo momento “pero que seguramente será despois do verán”. Tampouco destacan rematar pola vía xudicial: “O único que queremos é que nos devolvan as prazas que nos roubaron”.

SERGAS

O Sergas sostén unha postura contraria á versión dos celadores. En declaracións a GC, afirma que “non existe ningún acordo para a supresión da categoría de celador, senón unha aposta firme da Administración sanitaria galega pola mesma como se reflicte nas sucesivas ofertas públicas de emprego e nas políticas de recursos humanos ao obxecto de garantir unha maior estabilidade no emprego”.

En concreto, sosteñen que dende o 2012 ofertáronse preto de 6.000 prazas de OPE para converter a 6.000 traballadores temporais en persoal fixo. Isto contrasta dun xeito frontal co que din os celadores, que consideran que dende o Sergas estase favorecendo á categoría de PSX “pola cantidade de prazas ofertadas nas oposicións”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

6 Calixto

A mobilidade que existe é a mesma para celadores, psx, auxiliares, telefonistas. Igual. Polo que habería que ver a legalidade de darlle a un celador nun concurso de traslados de celadores un posto na atención primaria no que ten un soldo de psx. Esa é a cuestión . Que é legal, aceptado, pero daquela ten que ser extensible a outras categorías do mesmo nivel que os celadores. Non se trata dunha guerra se trata de cumplir a lei. E todos e cada un de nós, tiñamos que estar dacordo de que a lei é necesario cumplila, que é unha garantía para todos. Outra cousa é o noso dereito a pedir modificacións das leis, pero non se pode pedir antes os efectos, que o cambio da lei. Sexamos serios, por favor, se a lei non te avala, movilízate primeiro para modificala, pero asegúrate de non pedir cousas que actualmente non son legais. Todos somos compañeiros, e demos gracias a que existan normas e non estemos sometidos á arbitariedade da administración.

5 Calixto

O problema de base non está en asumir ou non asumir funcións, basta xa de votarlle a culpa ó persoal que de inicio estaba na A.P, eles defendían ó seu posto. A situación foi que hai un Estatuto de Persoal, e que esas categorías non podían asumir unhas ás funcións das outras por motivos legais (hai moitas sentencias ó respecto). Se creou a categoría de PSX porque había necesidade de que todo o personal realizara as mesmas funcións; non foi un tres por un: a administración medrou en personal, tivo que contratar os psx, e o que resultou para as outras categorías foi unha pechada á A.P directa, pero aberta á todo o personal do Sergas por proecedementos de promoción interna, pero nunca a súa extinción, dado que son categorías que se manteñen na A. Especializada

4 Celso. Coles

Discrepo co fondo do artigo. A creación dos PSX foi un avance necesario na A. Primaria, tanto nos centros de saúde como nos PACs. Claro que as funcións dun PSX pode realizala adecuademente un celador sempre que asuma as funcións dos PSX e renuncie a facer únicamente as recollidas exclusivamente para a categoría de celador no Estatuto Marco. Hai que respectar os dereitos adqueridos de tódalas traballadoras incluso o dereito ó traslado, sempre que non hipoteque a reforma necesaria. Hai unha experiencia previa para compaxinar dereitos lexítimos pero encontrados como foi o caso da integración funcional no novo modelo de atención primaria dos médic@s e practicantes de APD, anque neste caso non se permite o tralado de posto de traballo salvo que se renuncie á praza de funcionario. Coido que non pasararía nada se ás celadoras se lles recoñece ese dereito sempre que asuman facer tódalas funcións dun PSX. Ceso Sánchez, Médico Titular de Coles integrado funcionalmente

1 Calixto

Resolvelo como os APD pode darse exclusivamente no caso dos auxiliares e das telefonistas, dado que pertenecen o mesmo grupo de clasificación do PSX. No caso dos celadores non se pode dar, porque non son unha categoría do mesmo nivel. Non sei si para ben ou para mal, pero a administración é unha estructura xerárquica, e o paso de un nivel a outro debe facerse por uns procedementos legais. Ainda así, os celadores que quixeron quedaron en A.P cobrando o mesmo que os psx. Esto está no dog. Unha vez que esa xente afectada se xubila ou está de baixa eses postos deberían ser cubertos por psx, dado que se os celadores cobran o mesmo cos psx, significa que o posto no que están (contrato de celadores, pero soldo de psx) é de psx.

3 Francisco Vázquez troitiño

Eu participei activamente na creación do decreto de PSX e mesmo na súa redacción final: Ante os conflictos continuos que existían nos Centros de Saúde onde moitos celadores reclamaban a aplicación do seu estatuto que estaba diseñado para hospitais e polo tanto con escasas funcións propia e especificas acordes coas necesidades nos Centros de saúde creamos a figura do PSX que permite realizar todas as funcións que non corresponden a persoal sanitario e que se axeita para resolver todos os traballos moi diversos non sanitarios no Centro de Saúde (Pechar portas, abrir ventanas,rexistro de material, dar citas etc etc) . De aí que se sustituia por PSX progresivamente todo persoal administrativo e celadores e só se vonvoque prazas en AP de PSX. Esta reinvindición corporativista de ese grupo de Celadores vai contra eficiencia en Atencion Primaria.

2 Picheleiro

Os sindicatos e o PP queren acabar cos celadores ¡¡¡