Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2019 | Actualizada ás 18:06
Unha vintena de organizacións ecoloxistas, sindicais e do mundo rural conforman a plataforma 'Por un monte galego con futuro', que reclama á Administración galega e estatal "unha planificación para o monte galego" fronte á "escusa da repoboación con 500.000 hectáreas de eucaliptos".
A súa reivindicación ten como obxectivo principal demandar que "a Xunta de Galicia promova un modelo de monte diferente ao dos últimos 40 anos", segundo explicou Belén Rodríguez, representante de Adega.
A este respecto, centráronse en "desmentir a propaganda institucional da Xunta de Galicia" sobre o Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (Pladiga), o cal consideraron "exclusivamente un plan de extinción dos recursos naturais e do bosque galego", ideado para "beneficiar o negocio creado ao redor do lume".
Por este motivo, solicitaron "unha moratoria indefinida" para as novas plantacións de eucaliptais, que ocupan "30.000 hectáreas de terras agrarias". Ademais, censuraron que "no Plan Forestal que está a revisar a Xunta de Galicia se pretende promover aínda máis esta especie pirófila, con outras 35.000 hectáreas".
CICLO PRODUTIVO DA MADEIRA EN GALICIA
Na mesma liña, Pablo Carril, en representación da CIG, expuxo a demanda común do "peche do ciclo produtivo da madeira en Galicia", algo que "permitiría a recuperación de postos de traballo e a fixación de poboación no rural".
Por outra banda, Xosé Manuel Parente, do Sindicato Labrego, expuxo que "12 anos despois do plan de prevención de incendios", a maior parte do mesmo "continúa sen cumprirse".
Neste contexto, subliñou que a Xunta de Galicia é "o territorio de Europa que máis orzamento dedica aos incendios, cun total de 150 millóns anuais". No entanto, "non conta cunha planificación nin visión integral do medio" e "deséñase de modo unilateral".
Os representantes de "Por un monte galego con futuro" mostraron a súa repulsa ante o feito de que "hai cero efectivos facendo labores de prevención todos os días do ano", cuxa responsabilidade "recaerá sobre os concellos".
PERDA DE EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS
O representante de Amigos da Terra, Xosé Santos, profundou na situación das industrias gandeiras, con "30.000 explotacións abandonadas nos últimos 10 anos". Desde a súa "experiencia propia", estimou que "os gandeiros poderían ser unha ferramenta moi boa para a prevención de incendios" pero entende que "non interesan" á Xunta de Galicia.
Ao seu modo de ver, o goberno autonómico está a levar a cabo "un plan que só beneficia ás grandes empresas de fóra" e que responde a "unha política intencionada de exterminio do rural".
As entidades que compoñen a plataforma expuxeron a semana pasada en Santiago de Compostela o seu manifesto, que inclúe 40 medidas para mellorar o monte galego. Así mesmo, esperan que "a culminación da toma de conciencia" se produza o día 20 de outubro, no que teñen previsto convocar unha "gran mobilización".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.