Cando eu era cativo chamábame moito a atención o nome da madriña de miña mai, unha señora velliña chamada Basilisa, parente lonxana da familia por terras do val de Quiroga. Xa de maior, ao estudar a organización altomedieval do territorio galaico, comprendín de vez o porque dese antroponímico tan raro a ollos dun neno. A terra de Lemos e Quiroga foi bisbarra dominada dende época temperá polos frades bieitos, tanto de San Vicenzo do Pino no cumio do actual Monforte, como, sobre todo, dos monxes de Samos. Este mosteiro de Samos, seica fundado en época visigótica, puxérase baixo a advocación, entre outros, de San Xiao e Santa Basilisa. A influencia de Samos no século XX nestes pagos lemavos seguiu sendo grande. Así pois, na miña Ceresia, inda nos recordamos dun veciño da casa do Turín, que entrou de frade antes da guerra no mosteiro, onde correu co nome de Frei Fulgencio.