Un ano máis xurde entre a friaxe do calendario invernal un novo 27 de xaneiro. Un 27 que ate hai pouco máis de medio século era só a véspera do 28, como moito un modesto Santo Tomé de Aquino no calendario santoral católico ou simplemente, o vixesimoséptimo día do ano no calendario gregoriano. Mais todo iso mudou de xeito brutal e para sempre un 27 de xaneiro de 1945. Ese día, unidades da División número 100 do Exército Roxo, baixo o mando do xeneral Krasávina, entraron en Auschwitz-Birkenau e liberaron aos 2.819 prisioneiros que despois de 5 anos de masacre ficaban con vida. 2.819 testemuñas da infamia, 2.819 testemuñas do horror inexplicábel que asolou o corazón da vella e culta Europa, a nosa Europa, e que converteu para sempre a un vello e frío cuartel do Exército polaco no monumento funerario perenne de máis de millón e medio de seres humanos que desde aqueles días fican soterrados para sempre e como única tumba, no ceo. Tamén no noso ceo. No aire que serviulles como cadaleito despois de que o delirio xenocida os transformase nas cámaras de gas e nos fornos crematorios en parte do aire que agora e por sempre respiramos e respiraremos.