Mais lamentablemente, a demanda de recoñecemento feita polo Comité Olímpico Israelí foi rexeitada polo COI. Ainda máis, as constantes solicitudes no mesmo sentido presentadas durante décadas polas familias das vítimas tiveron como resposta constante o rexeitamento sistemático. Este 40 cabodano do atentado terrorista sería un escenario óptimo para lembrar ao mundo que os Xogos Olímpicos establecéronse para enviar unha mensaxe de esperanza e de paz a través do deporte e que a asasinato de deportistas durante unhas olimpiadas non poden ter xamais unha resposta morna nin vergoñante. Ainda que estes deportistas sexan xudeus e israelís.
Desde Israel, vense de colgar na rede un pequeno vídeo de só un minuto de duración, titulado "A un minuto", no que se insta ao COI para que dedique un minuto de silencio durante a cerimonia de inauguración dos vindeiros Xogos Olímpicos de Londres, en recordo da masacre de Munich 72.
En resposta á negativa do COI de honrar nas Olimpiadas deste ano a memoria dos atletas asasinados, desde o Comité Olímpico Israelí estase a traballar para tentar acadar apoios públicos para a campaña emprendida polas propias familias das vítimas que estiveron traballando a prol dun recoñecemento oficial desde hai xa 40 anos.
O Comité Olímpico Internacional debe recoñecer a terríbel traxedia sucedida nas Olimpiadas de Munich 72. A demanda de gardar un minuto de silencio é razoábel. Demanda esta que ninguén debera mesturar coa política nin co conflito palestino-israelí. Atrévome a dicir que un pode ser crítico, moi crítico ou incluso hipercrítico co Estado de Israel e pola contra apoiar esta demanda xusta e humanitaria. Xusta, humanitaria e acorde co espírito olímpico. Estou certo de que o Barón de Coubertin, pai das modernas Olimpiadas, apoiaría sen dubidalo esta demanda.
Por último e como anécdota macabra, que non é anécdota, lembremos que as celebracións previstas para o día seguinte da adxudicación por parte do COI da organización das Olimpiadas de 2012 a Londres ficaron traumaticamente interrumpidas polos brutais ataques terroristas sufridos na capital británica o 7 de xullo de 2005 contra o metro de Londres e onde causaron a morte de 52 persoas. Que Londres 2012 non amose máis sensibilidade á demanda presentada por mor do 40 cabodano da masacre de Munich 72 é simplemente incomprensíbel e inxustificábel.