Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 31/07/2019 | Actualizada ás 14:00
O YouTube está inzado de creacións audiovisuais na nosa lingua. Puidemos comprobalo con este top dez de Youtubeiras que ata se nos quedou curto. O Aquel-e, Olaxonmario, Blanca e Tinta (Laura Cruxeiras e Antía kahlo), Nuria Espasandín, Brais Doval, Nubes baixo ti, A Lobeira Today, Ben Feito, As hortucas de Ferreira... son algunhas das canles que fixeron unha aposta decidida por normalizar o uso do galego nesta plataforma internacional. Todas elas rachan co "en galego non vas chegar tan lonxe" e crean contidos diversos, para entretérmonos e aprender.
Desta vez quixemos conversar de primeira man con tres videocreadores para que nos conten a súa experiencia nesta rede e para coñecer mellor ese mundo do YouTube galego. Eles son Miguel Silva, máis coñecido como o Aquel-e; Laura Cruxeiras, de Blanca e Tinta e Corasón de Churrasco; e Fran Bermúdez, da Lobeira Today. Eis as conversas.
AQUEL-E E O TRAP EN GALEGO
Aquel-e di que comezou nisto do YouTube por inercia, porque sabía que era necesario. A historia xurdiu case que dunha broma de amigos, pero axiña viu que lle permitía falar de moitas cousas e facer entretemento accesible. Iso levouno a seguir producindo, aínda que recoñece que aquilo de montar os vídeos, ao comezo, lle resultaba un caos. "Eu son lingüista, non audiovisual", conta entre risas.
O certo é que, pouco a pouco, iso que comezou como unha broma de amigos rematou adquirindo maior repercusión. De feito, Aquel-e vén de gañar o concurso da Canción do Verán da TVG con "Que nos pille rebolando". "Eu tiña a teima de facer música, e o xénero que máis me representaba neste momento era o reguetón e o trap... Ademais na música en galego facía falta, necesitabámolo". E así pois, "Que nos pille rebolando" convértese na primeira canción deste estilo musical feita na nosa lingua. Din que os comezos sempre son os que máis custan, así que de aquí en diante quizais o trap en galego saia rodado.
Da TVG pensa que lle compensa actualizarse. Se ben recoñece que lle dá rabia actuar en programas onde despois del vén unha actuación que rexeita totalmente, considera que se a xente nova renuncia a ir, o unico que conseguen é invisibilizarse. "Se eu non levo o meu traballo, que considero normalizador da lingua galega, a programas coma o Luar, queda sen ver, pénsase que non existe". Por iso lle gusta ocupar espazos, para que "rapaces do Insti poidan encender a TVG e ver a un rapaz de 24 anos falando galego e sen ser vestido de vella".
O YouTube, dalgunha maneira, permitiulle ao Aquel-e renovar o xeito de facer humor que semella non evolucionar no marco da televisión. "A rapazada toda sabe que se pode facer humor rural en galego, sabe que se pode facer canción protesta, pero tamén se poden facer bromas sen meter o churrasco polo medio", critica. Aquel-e fuxe dos tópicos e defende a utilidade da lingua en calquera ámbito. Coa mirada posta nos seus referentes cando se iniciou neste eido - Ter, Soy una pringada ou Jaime Altozano - reivindica o papel dos Youtubeiros no mundo actual e a importancia de crear unha comunidade do YouTube galego: "Mario, Laura, Antía e eu facemos colaboracións e iso tamén axuda a que nos visibilicemos máis". Implica trasbase de seguidores. Os uns sempre chaman polos outros... Bo exemplo disto é este primeiro TAG do Youtube en galego, que o propio Aquel-e iniciou e que xa se está espallando por todas as canles do país. Vexan!
LAURA CRUXEIRAS E AS MÚSICAS FEMINISTAS
A música tamén é un dos puntos fortes destoutra youtubeira. Laura Cruxeiras comezou a súa andaina polo YouTube a través de Corasón de churrasco, unha canle de receitas de cociña moi atoladas. "Aquilo empezou cando compartía piso coas miñas amigas en Pontevedra. Quedamos xuntas nunha finde e fomos a unhas cantas actividades, entre elas a unha de cociña... e había xente que tiña canles abertas". Ao día seguinte amenceron coa disposición de gravárense e montar Corasón de churrasco. "Cando vimos que estabamos nominadas fixemos unha festa que non o podiamos crer!", conta Laura referíndose ao premio Youtubeiros.
Pero máis alá de receitas de cociña, e como diciamos, Laura tamén crea música. Agora, xunto coa súa compañeira Antía, vén de presentar o videoclip da última canción orixinal de Blanca e Tinta: O Queimaserebros. Unha peza que nace dunha experiencia persoal e que medra como unha rancheira latina e reivindicativa, algo novidoso no contexto musical do país. Dela di que lle serviu para madurar e que lle vai aportar máis ideas para facer novas cousas. Unha das teimas de Blanca e Tinta é rachar cos patróns físicos establecidos para as mulleres e loitar contra a opresión machista. "Xogamos moito vía performance, sobre todo nos espectáculos. Antía desmelénase, fai striptis, ensina os pelos... Rebenta a tarima!".
Conta Laura que no YouTube non hai censura, e é un dos motivos polos que empregan esta plataforma para "crear cadeas de forza e reivindicar o dereito a ser unha mesma". E por suposto, en galego. "Por que non vai haber unha canle na que ensinen a facer ioga en galego, por exemplo? Eu estou moi orgullosa de como falo e como fala a miña xente", di Laura, que pensa que neste momento están funcionando ben os proxectos na nosa lingua porque dan azos e animan a outra xente. "Son cousas que non dicimos en alto, pero que se seguen pensando: 'en galego non vas chegar a tanto'. Está claro que non lle vas gustar a todo o mundo, pero a xente que te siga vai ser fiel a ti".
Cando foi membro do xurado do concurso Youtubeir@s, Laura coñeceu o traballo de Aquel-e, e logo tamén de Olaxonmario. Deles cre que poden inspirar a moita outra rapazada nova. "Xa dixen: poden dar moita guerra e vana dar". As colaboracións entre eles non se fixeron esperar... E mentres tanto, o YouTube galego segue collendo forza e collendo vida.
A LOBEIRA TODAY, CRUZANDO OS ALPES
A relación de Fran Bermúdez, o impulsor da Lobeira Today, co idioma galego é algo diferente. El viviu ata hai ben pouco nos Países Baixos, lugar dende o que tamén gravaba moitos dos vídeos que se poden ver na canle. Logo dunhas vacacións en Galicia, de volta xa para o que daquelas era o seu fogar, a muller díxolle: "Négome a non volver escoitar galego ata que veñamos de novo a Galicia. Cambiamos?" - "Cambiamos", contestoulle el. E así foi como Fran e a súa muller pasaron do castelán ao galego, tamén impulsados polas ideas xurdidas na presentación dun libro de Antón Cortizas, que lles regalou un curioso "lápis que só escrebe en galego".
Que veu despois dese cambio? "Un mar de tópicos", di Fran. Pero nada non superable. En todas as súas redes da Lobeira Today, Fran comezou a empregar o galego. Un dos primeiros retos que se propuxo foi subir un vídeo diario durante un ano a Instagram. Logo, recolleu todo o aprendido desa experiencia para darlle forma á súa canle de YouTube, que tamén bebe do seu primeiro blog Vivo na Lobeira. Fran, natural de San Sadurniño, conta que a raíz do Chanfaina Lab do 2015 coñeceu a Antón Caeiro, que lle dixo que "aos vellos había que grabalos, porque eran historia viva". O youtubeiro non o pensou dúas veces: falou cunha señora e un señor da súa aldea e grabou horas e horas dos seus contos. Unha historia viva que agora se fai oco no Youtube.
O tempo en que viviu nos Países Baixos permitiulle apañar seguidores de Islandia, Alemaña, Finalandia... que dende as súas casas consomen os contidos da Lobeira Today, "unha canle na que hai un pouco de todo": conversas cos seus veciños da aldea, motoblog, viaxes, receitas... E agora, conta que está preparando un "salto evolutivo" baseado nunha das viaxes que fixo na súa moto: baixou o leste de Suíza, cruzou os Alpes e subiu o paso Stelvio. "Non hai ningún vídeo que cubra completamente o paso e que o faga sen música", así que esta é o obxectivo que anda a cumprir. Todo un regalo para os moteiros e os amantes da montaña.
Conta Fran que a súa intención dentro do YouTube é facer cousas en galego que non hai. E nesas anda, con algúns vídeos no forno e a puntiño de botalos a andar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.