Por Xurxo Ayán | | 28/03/2012
Cando estudaba Historia en Compostela matriculárame nunha asignatura de título suxerente: “Investigacións recentes en Historia Contemporánea”, impartida polo excelente profesor Xosé Manuel Núñez Seixas. A materia dividíase en dous grandes blocos temáticos, “Emigración e Nacionalismo “. Como traballo de curso decidín abordar o movemento nacionalista irlandés, dende o século XVIII até a a independencia. Na investigación topei con cousas curiosísimas, dende o xurdimento do movemento patriótico irlandés no Ulster da man da minoría irlandesa protestante, até a reacción dos académicos británicos diante da Grande Fame, xustificada coma un natural reaxuste demográfico. Este xenocidio inducido reforzou as teses emancipatorias de O’Connell e consolidou o parnellismo posterior no Parlamento da Súa Maxestade. Tamén din con referencias ao folklore irlandés, como a expresión popular ¡SpanishEyes”, título dunha afamada canción oitenteira de U2. Seica o naufraxio de buques da Armada Invencible nas costas de Irlanda fixo que parte da tripulación chantase raigames na Illa, casando con mulleres gaélicas. A mistura deu lugar a crianzas con ollos mouros, auténticos “latinlovers”.
Así e todo, o meu interés polo tema viña dado pola tremenda influencia que o modelo gaélico tivo no galeguismo político nas décadas de 1920 e 1930, sobre todo da súa vertente máis tradicionalista. Continuas referencias aos irmáns celtas inzan o pensamento político risquián, os artigos de Otero Pedrayo en “El Pueblo Gallego” e “Vida Gallega”, ou múltiples colaboraciónsna Revista Nós. Dende esta óptica, raza, terra e espírito celta xunguían ambas as dúas nacionalidades irmás. Esta irmandade trasatlántica contra o poder opresor alóctono (ingleses e casteláns) consolidárase ao longo do tempo, servindo mesmo Galicia como segundo fogar da nobreza gaélica exilada trala guerra dos nove anos a comezos do século XVII. Este discurso lexitimador veusea baixo coa guerra civil española. Miles de irlandeses católicos presentáronse como voluntarios para loitar a prol da Santa Cruzada contra o comunismo. Pola contra, foron bastantes menos os que se apuntaron nas Brigadas Internacionais.
O noso colega Pedro Maguire documentou no Arquivo Militar de Ávila unha curiosa petición cursada ao Xeneralísimo; unha banda de música irlandesa demandaba a súa inclusión como forza de choque no bando nacional. A petición foi rexeitada alegando que no Glorioso Exército non existían unidades de choque musicais, con gaitas e todo iso, que en todo caso podían acoplarse á Banda da Lexión. Anécdotas aparte, este apoio ao tradicionalismo católico español non lle fixera nada de gracia a Castelao e Suárez Picallo, quen dende Nova Galiza. Boletín quincenal dos escritores antifeixistas asinaran en 1937 un manifesto destinado aos patriotas irlandeses: “Queremos que chegue a vós a queixa doorida dos fillos de Breogán…”. Esta queixa dirixida aos imáns irlandeses baseábase nunha reivindicación do pasado na que se misturaba mito e historia. Mentres os galeguistas de preguerra empregaron o mito de Breogán, o clan O’Sullivan de Munster facía o mesmo a comezos do século XVII utilizando no seu beneficio una filoxenia inventada. Neste caso, estes exilados gaélicos gañaron prebendas e privilexios de Filipe III non só polac onxuntura política (Contrarreforma e loita contra a pérfida Albión) senón tamén por presentárense coma os descendentes dos seguidores de Milesio, os primeiros colonizadores celtas de Irlanda, que emigraran no seu día dende Galicia, conquerindo os seus antigos poboadores, osTuatha De Danann, isto é, os mouros na versión galega.
O Colexio dos Irlandeses en Compostela, patrocinado pola Coroa española, recorda este vencello trasatlántico e dá luz sobre o proceso colonial. Mentres en Eirin a maioría da nobreza pacta ou se rende ao Poder británico, unha minoría repoluda, fachendosa e digna prefire o exilio. Na Irlanda do século XVII tamén se deu esa dicotomía entre o posibilismo piñeirista e o combativo exilio republicano, por falar en termos contemporáneos. Os nobres de Munster que acabaron en Galicia eran firmes defensores da tradición, a lingua e cultura do seu país, e non lles acaía ben a sumisión a autoridades alleas. Neste contexto, consérvase a correspondencia entre Donal O’Sullivan e Patrick Sinnott, mestre de Gramática da Universidade de Santiago,na que se fai fincapé na falla de disciplina e rectitude dos colexiais irlandeses que destacaban, sobre todo en tres actividades: troula, guitarra e esgrima. O 26 de abril de 1613 o Colexio San Patricio de Irlandeses foi traspasado aos Xesuitas o que conlevou a marcha de doce estudantes gaélicos que se negaron a facer o xuramento de obediencia. Os filllos, netos e bisnetos da nobreza irlandesa fuxida xa mais voltaron á Terra e nunha curiosa reviravolta da Historia voltaron coller as maletas cando a expulsión dos xesuitas en 1769. Os tempos mudaran… ou non tanto, porque nesa nova época, Compostela seguía recibindo aos emigrados católicos de Europa. Ramón Otero Pedrayo elixiu como data final do século XVIII en Galicia a misa solemne que tivo lugar na Catedral de Santiago en 1793, oficiada na honra do decapitado Lois XVI pola comunidade católica de La Rochelle refuxiada en Compostela.
No Colexio dos Irlandeses, na Rúa Nova, presentaremos Manuel Gago e quen isto escribe o libro Herdeiros pola forza. Patrimonio Cultural, Poder e Sociedadena Galicia do século XXI (2.0 Editora), este venresás 20:30. Estades todos convidados.