Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 30/07/2019 | Actualizada ás 17:40
Ketama, Tequila e La Mala Rodríguez serán algunhas das propostas musicais das Festas de María Pita na Coruña, que arrincan este xoves 1 de agosto, con Nieves Abarca como pregoeira. A concelleira de festas, Diana Cabanas, presentou este martes o programa das festas que se desenvolverán ao longo do mes de agosto.
O pistoletazo de saída darao Ketama, que se subirá este xoves ás 22.30 horas ao escenario da Praza de María Pita. Alí tamén actuará o venres á mesma hora La Mala Rodríguez. Susana Seivane estará ou sábado e Tequila pechará o domingo a primeira semana de concertos.
A música continuará o día 2 cos 40 Summer Live 2019 no escenario situado no aparcadoiro do Palacio de Deportes de Riazor.
Por outra banda, o calendario incluirá citas clásicas como o Festival de Habaneras, que tomará desde o venres o paseo do Parrote, xunto co Festival de Folclore Internacional, que terá lugar na praza de Pablo Iglesias. Pola súa banda, o Paseo Marítimo será protagonista o 14, ás 23.00 horas, da Batalla Naval.
Para os máis pequenos, ábrese un apartado, Cascarillarte, que empezará coa famosa Peppa Pig e Ben & Holly en María Pita o 5 e irá rotando por distintos espazos con 20 espectáculos dirixidos ao público familiar.
FEIRAS E NOROESTE
Ademais, a Feira de Artesanía encherá, pola súa banda, de produtos feitos a man os xardíns de Méndez Núñez desde o xoves e compartirá espazo coa Feira do Libro, que traerá as novidades editoriais e os autores do momento. Na segunda quincena, os postos mudaranse para acoller a Feira do Libro Antigo.
A música expandirase a segunda semana polos distintos enclaves do Festival Noroeste desde a Fundación Luís Seoane á praza de San Nicolás, onde se poderán escoitar grupos de diferentes xéneros do 6 ao 11 de agosto coa posta en escena na praia de Riazor de Patti Smith, o 9, e The Sounds, o 10.
O Castrillón continuará disparando música de raíz a partir do 9 co Festival de Arraigo, dentro dun programa que volverá a María Pita na terceira semana con "máis noites", neste caso, protagonizadas por formacións da cidade. Será entón a quenda, entre outros, de Borja Quiza & Orquestra Gaos, a Escola Municipal de Música, a Orquestra de Cámara Galega, a Banda Municipal de Música e Treixadura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.