Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/08/2019 | Actualizada ás 22:00
Un total de 164 investigacións por actuacións contaminantes en zonas de dominio hidráulico (ríos, acuíferos ou lagos) e en áreas marítimo-terrestres (rías e mar) dependentes da Xunta, a través de Augas de Galicia, quedaron sen resolver o pasado ano. Un número importante que ten que ver, principalmente, con que os técnicos desprazados ao lugar da incidencia non son quen de pescudar a orixe da contaminación e, polo tanto, dar co responsable do foco contaminante.
Distintas plataformas ecoloxistas, entre elas Adega, Verdegaia ou Auga Limpa Xa teñen criticado en reiteradas ocasións o doado e barato que resulta contaminar ríos en Galicia. De feito, esta última entidade ten presentado case un cento de denuncias e, a maioría delas, quedan sen resolverse.
Se o pasado ano foron 164 as investigacións que quedaron abertas por contaminación, case un cento pechouse ou arquivouse sen que ninguén fora sancionado. E iso, a pesar de que unha de cada catro análises realizadas –108 de 394-- por Augas de Galicia a rías, ríos ou acuíferos deron índices de contaminación.
A maior parte desta contaminación é por niveis altos de substancias como o fósforo ou o amonio, sobreexplotación de insectos, déficit de osíxeno na auga ou alteracións do pH. E en 11 mostras analizadas as analíticas realizadas amosan resultados máis perigosos con presenzas de chumbo e mercurio, principalmente, ou compostos como o octilfenol, que se utiliza para a fabricación de produtos de limpeza.
500.000 EUROS EN MULTAS
Galicia está aínda lonxe do pleno saneamento das súas augas, que é un horizonte fixado pola Unión Europea para 2021 –con prórroga incluída desde o 2015-- para garantir o bo estado das súas masas de auga. Con todo, as sancións aumentaron o pasado ano un 20% xa que a Xunta abriu 407 expedientes sancionadores por actuacións contaminantes en zonas de dominio hidráulico ou en en áreas marítimo-terrestres (rías e mar). E o importe total das multas interpostas supera os 500.000 euros, case un 50% máis que os 340.000 euros recadados en 2017.
E nesta lista de sancións, son os concellos os que máis contaminan, aínda que as multas soen ser moi mornas, tal e como aconteceu hai uns días coa sanción interposta ao Concello de San Cibrao das Viñas; 99,53 euros por contaminar o río Bargaña. Así, e a pesar de concentrar máis da metade dos expedientes sancionadores, a suma total que teñen que pagar os concellos non superou os 90.000 euros. Unha cantidade que contrasta, cos 390.000 euros que tiveron que pagar as empresas ou os 20.000 euros que tiveron que aboar particulares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.