Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2019 | Actualizada ás 17:42
A portavoz de Galicia en Común, Yolanda Díaz, esixiu este martes ao Goberno que "aclare" que ministerio será o encargado de licitar o Estaleiro 4.0 na ría de Ferrol.
Así o fixo tras recibir a resposta do Executivo central a unha pregunta rexistrada por ela mesma no Congreso sobre o devandito estaleiro, onde o Goberno asegura que o Ministerio de Fomento "non ostenta competencia ningunha sobre Navantia ou sobre as obras de construción do Estaleiro 4.0".
"Quedamos sorprendidos coa resposta do Goberno, dado que despois de descarar que a propia Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) sexa o órgano substantivo para poder tramitar ou desenvolver a declaración do impacto ambiental, tamén descartan agora que sexa Fomento quen licite o proxecto", denunciou a deputada galega nun comunicado.
Desta maneira, Yolanda Díaz preguntou ao Executivo se está en risco o desenvolvemento do Estaleiro 4.0, "dado que tampouco Defensa se fará cargo, a pesar de que están en chan adscrito a Defensa". "Que está a dicir o Goberno? Que ministerio se vai facer cargo?", insistiu Díaz.
Para Galicia en Común, o estaleiro é unha cuestión "clave" para o futuro do sector naval galego e a modernización da comarca de Ferrolterra, polo que sinalou que "seguirá abordando esta cuestión nas Cortes".
"Non esquezamos que segue bloqueado pola declaración de impacto ambiental e (o Goberno) segue sen dar saídas para desenvolver un proceso de modernización que é clave para o futuro do sector naval galego", sentenciou Yolanda Díaz.
DEPRESIÓN SOCIOECONÓMICA
Pola súa banda, Ferrol en Común instou este martes ao Goberno ao desenvolvemento "inmediato" do proxecto de Estaleiro 4.0 e a construción dun buque de apoio loxístico (AOR). Así, nun comunicado, lamentou "o abandono e desprezo máis absoluto" cara á comarca que, ao seu xuízo, realizaron o PP e o PSOE, "o que está a abocar a perpetuar a crise demográfica en Ferrolterra".
Para eles, a "única solución viable e determinante" é que haxa "vontade política" para así "evitar unha gran depresión socioeconómica" na zona, polo que tamén lamentaron a resposta do Goberno a Yolanda Díaz.
"Instamos o Goberno a que a súa primeira medida sexa a firma dun AOR, necesidade manifesta pola Armada, que non require deseño de enxeñaría e que suporía evitar unha crise estrutural nun sector, o da industria auxiliar, xa suficientemente precarizado e atacado polos que queren facer de Ferrol unha cidade illada nas infraestruturas e no emprego, e evitar o colapso social que incremente o despoboamento, a asistencia social e a dependencia extrema de subsidios", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.