Por Galicia Confidencial | Manzaneda | 09/08/2019 | Actualizada ás 10:00
O Souto de Rozabales (Manzaneda), é Monumento Natural, declarado pola Xunta de Galicia no ano 2000 e nel, atopase o castiñeiro de Pumbariños, o castiñeiro coñecido máis antigo de Galicia. Pero o seu estado actual “é lamentable” porque leva anos sen ser podados e porque os castiñeiros están afectados en elevado grado pola avespiña do castiñeiro e polo chancro.
É a denuncia que fai o deputado Davide Rodríguez, de En Marea, que critica que a falta de limpeza no souto, propiedade da administración autonómica, fai que a maleza creza entre os castiñeiros, elevando así o risco de propagación de incendios forestais nun concello con alta actividade incendiaria.
Por iso, presentou unha proposición non de lei pedíndolle a Xunta de Galicia que elabore un plan anual de mellora e mantemento deste souto, así como destinar urxentemente unha partida económica suficiente para facer os traballos de demouca, roza, vacinación contra o chancro do castiñeiro e a solta de Torimus Sinensis para combater a avespiña.
PATRIMONIO NATURAL ÚNICO
Este souto, constitúe unha mostra exemplar do tipo de bosques explotados secularmente por campesiños e campesiñas galegas para a obtención de castañas e madeira. "Os soutos, un dos elementos fundamentais do noso patrimonio cultural e natural, representan un ecosistema agrosilvopastoral en equilibrio e posúen unha gran biodiversidade, incluíndo a presenza de elementos de fauna e flora dun gran valor", destaca o deputado.
Neste souto encóntranse exemplares de castiñeiro (Castanea sativa) de gran lonxevidade (algún de máis de mil anos) e extraordinaria beleza, auténticos monumentos vexetais. Como exemplar sobresaínte debe citarse pola súa singularidade o coñecido como ''Castiñeiro de Pumbariños'', cuxo perímetro alcanza os 12,15 m.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.