Ao fío destas lembranzas, vivín unha inesquecible experiencia de ter que axudar a unha camarada a atravesar o río Miño nos meandros próximos a unha pesqueira, na altura de Barcela, en Arbo, para poñela a bo recaudo en terras liberadas polo movemento libertador dos capitáns cinco meses despois do 25 de abril. Baixaban as augas con forza e a miña preocupación era que aquela torrenteira a levase río abaixo.
Cando loitaba aquel día cos pés na auga do río para evitar unha traxedia que afortunadamente non ocorreu, acudiron a miña memoria os versos de Joâo Verde, poeta monçense que pertenceu ao chamado Rexionalismo Portugués do século XIX, cantor da unidade dos pobos raianos. Proíame a rabia de termos que acudir a un paso clandestino para procurar do outro lado a liberdade que aquí o franquismo perseguía. “Vendo-os assin tâo pertinho/A Galiza mail´o Minho/Sâo como dois namorados/Que o rio tras separados/Quasi desde o nascimento./Deixal-os, pois, namorar,/Há que os paes para casar/Lles nâo dâo consentimento.”
Tivo que transcorrer case un século para que os versos publicados en “Ares da Raya” en 1902 deixaran de ser un laio e unha utopia. Hoxe, cando as fronteiras que nos separaban foron suprimidas, no Museo Espaçoo e Memória da Fronteira de Melgaço están rexistradas as historias das miserias dos pobos dun e doutro lado do rio por falta de medios para subsistiren.
O concello de Melgaço é o máis galego de todos os que son raianos.Porque linda con varios concellos das provincias de Pontevedra e Ourense.Por iso compartimos unha mesma antropoloxia como estudou o sociólogo francés Fabienne Wateau no seu ensaio sobre a organización social no Val de Melgaço, “Conflitos e Água de Rega. Un dereito consuetudinario de oríxe xermánica que servíu para regulamentar usos e costumes común que ten as súas oríxes na Gallaecia, antes de que existise o actual Portugal.
Acordei disto cando mirei a festa conmemorativa do costume da xente do rural que repartían os meses do ano vivindo nas brandas e nas inverneiras. Subían ás brandas (serras) en abril e voltaban en setembro ás inverneiras (aldeas do val). A festa,como non podía ser doutro xeito, foi amenizado polas gaitas que é o instrumento musical que comparten connosco.
O vindeiro día 16 volveremos cruzar o río pola ponte de Arbo, camiño da antiga vila balnearia do Peço, na que estivo acubillado durante algún tempo Pepe Velo, o noso egrexio revolucionario máis universal, que foi capaz de soñar unha acción e realizala, secuestrando o “Santa María”, un buque de pasaxeiros de bandeira portuguesa, para chamar a atención do mundo das ditaduras salazarista e franquista. Algún día –tamén somos de soñar- pedirémoslle á Cámara Municipal a colocación dun monolito que lembre a importancia estratéxica que tivo aquela freguesía para acoller aos fuxidos da sublevación militar española, como xa fixemos en Turei,a freguesía lindante co Couto Mixto, onde o mestre Manuel Barros déulles apoio a Luís Soto e outros compañeiros fuxidos da represión.
A Asociación de Amigos do Couto Mixto en colaboración coa Cámara Municipal celebrará na Praza da República de Melgaço, ás 12:00 hroas, a presentación da historia do Couto Mixto cunha representación do grupo teatral Xeitura seguida dunha mesa redonda e a proxección dun documental no Museo Espaço,Memória e Fronteira na que participarán, amais do presidente da Cámara, Manoel Batista, Luís García Mañá, Padre Fontes e Xosé Rodríguez Cruz. Será unha xornada lúdica que coincidirá no tempo coa celebración da Festa do Emigrante e a feira semanal, que encherán as prazas e rúas de miñotos en ledo convívio amenizado polo grupo de música tradicional Airiños de Caldelas.