O Goberno de Sánchez acusa a PP, C's e independentistas de ser os responsables de que non se pague ás autonomías

A ministra de Facenda di que un goberno en función non pode actualizar as entregas a conta.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/08/2019 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

A ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, en relación cos 4.500 millóns de euros de entregas a conta que reclaman gobernos autonómicos como o de Galicia, indicou que a Avogacía do Estado deulle o visto e prace para proceder a actualizalas aínda que non se aproben os Orzamentos Xerais do Estado.

Iso si, a ministra indicou que para poder facelo o Goberno non pode estar en funcións, xa que a Avogacía do Estado entende que iso podería condicionar a actividade hipotética do futuro Executivo, unha postura que Montero ve lóxica, aínda que "non se dá por vencida" para superar esta última barreira.

En todo caso, a ministra de Facenda en funcións garantiu que a primeira decisión que tome o Goberno unha vez constituído será precisamente a de actualizar as entregas a conta ás comunidades autónomas.

Montero lembrou que se non teñen ese diñeiro aínda é porque PP, Cs e os partidos independentistas tombaron o Orzamento do Estado para 2019. "Non se pode soprar e sorber ao mesmo tempo, aqueles que tombaron o Orzamento non poden vir agora a pedir contas das consecuencias desa decisión", subliñou.

A ministra negou que estea a presionar aos gobernos autonómicos coas entregas a conta para sacar adiante a investidura de Pedro Sánchez, como si facía o ministro de Facenda do PP, Cristóbal Montoro, para lograr apoios aos Orzamentos. "Montoro utilizaba as entregas a conta para apertar cos Orzamentos e eu dixen con claridade que non poden depender os orzamentos autonómicos de que se aprobe o orzamento do Estado", afirmou. A ministra indicou ademais que, cun Goberno en funcións, non se pode aprobar tampouco o teito de gasto.

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez | Fonte: Moncloa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta