Como afectan os pisos turísticos á economía e vida diaria dunha cidade?

As vivendas de uso turístico son unha modalidade moi arraigada na sociedade. A Xunta contabiliza máis de 8.500 aloxamentos rexistrados, pero a cifra real é algo superior. Como funciona a normativa? É posible que este xeito de "facer turismo" non colisione cos intereses dos habitantes dunha cidade? O concelleiro de Turismo de Santiago, Gumersindo Guinarte, e a presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Dulcinea Aguín, falan ao respecto.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 13/08/2019 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

A polémica ao redor dos pisos de uso turístico revitalízase cada verán dende hai uns cantos anos. Booking.com, Airbnb, Wimdu, Homelidays, Rentalia, Housetrip e unha longa lista de plataformas ofrecen a día de hoxe unha nova modalidade de aloxarse nos diferentes destinos vacacionais, e en definitiva, unha nova modalidade de facer turismo, moi implantada en gran parte dos pobos e cidades do mundo. Mais xorden dúbidas ao redor deles: como compatibilizar este modelo de "facer turismo" coa necesidade de "facer cidade"? En que medida este tipo de aloxamentos reduce a oferta residencial para os propios habitantes? De que maneira poden trastocar a vida diaria dunha cidade?

Oferta de pisos turísticos na web Airbnb
Oferta de pisos turísticos na web Airbnb | Fonte: Airbnb

O concelleiro de Turismo de Santiago, Gumersindo Guinarte, aposta por traballar nunha normativa a nivel municipal, con referentes como San Sebastián á cabeza. Non desbota a idea de implantar unha taxa turística na cidade, pero conta que non sería razoable facelo mentres non teñan a capacidade de aplicala equitativamente. O "reto" de cara ao Ano Xacobeo é que "o elevado número de persoas que visitan a cidade non altere a vida cotiá dos residentes". Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Dulcinea Aguín, recoñece que se senten "perseguidos" e que están "cansos" de que se lles culpe do aumento dos prezos dos alquileres. "Levamos moito tempo mediaticamente no ollo do furacán". 

OS DATOS REXISTRADOS

A Xunta de Galicia contabiliza máis de 6.300 propietarios distintos que decidiron poñer a súa primeira ou segunda vivenda no mercado do alugueiro turístico. No rexistro autonómico figuran 8.541 aloxamentos destinados aos viaxeiros en toda Galicia, mais a cifra real é algo superior, xa que hai unha porcentaxe deles que opera na ilegalidade. Concretamente na cidade de Santiago, o concelleiro de Turismo, Gumersindo Guinarte, asegura que o sistema de regulación autonómico arroxa uns "datos inferiores" respecto da realidade compostelá. O rastreo de distintas plataformas de oferta de pisos apunta que hai en funcionamento en torno a 1200-1300 pisos turísticos, que á súa vez, ofertan en torno a 4.000 prazas. 

"En lugares onde era impensable ter turistas agora témolos, e é grazas ás vivendas turísticas"

Distribución das vivendas de uso turístico ao longo do territorio
Distribución das vivendas de uso turístico ao longo do territorio | Fonte: Xunta de Galicia

Respecto da súa distribución no territorio, o concello que encabeza a lista por goleada é Sanxenxo, con 1.629 pisos rexistrados. Detrás atópase O Grove (282), Barreiros (260), Foz (252), Cangas (231) e Poio (205). En canto ás cidades, Santiago sitúase no primeiro posto, con 566 vivendas de uso turístico reguladas. Séguenlle, nesta orde, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ourense, Lugo e Ferrol. Dulcinea Aguín explica que moitas das vivendas se incorporaron novas durante este último ano e que son, en moitos casos, a única opción aloxativa para quen nos visita: "en lugares onde era impensable ter turistas agora témolos, e é grazas ás vivendas turísticas", conta. Do impacto sobre o territorio, Aguín fala do económico. 

A regulación deste tipo de vivendas vén implantada dende a Xunta de Galicia, que establece na súa normativa de maio de 2017 tres modalidades de aloxamento turístico non hoteleiro: os apartamentos turísticos, espazos que ocupan un único inmoble e que se destinan a usos turísticos; vivendas turísticas, aloxamentos alquilados en conxunto cunha capacidade máxima de dez persoas; e vivendas de uso turístico, normalmente inseridas nun edificio e en convivencia con vivendas residenciais. Segundo Guinarte, esta última é a modalidade máis problemática en Santiago, xa que "en moitos casos antes tiñan un uso residencial para persoas da cidade en xeral, e especialmente para estudantes". 

INCIDENCIA SOBRE A VIDA DA CIDADE

"Un uso descontrolado desta modalidade ten unha incidencia indiscutible sobre a oferta xeral da vivenda para usos residenciais"

Por iso, o concelleiro de Turismo considera que "un uso descontrolado desta modalidade ten unha incidencia indiscutible sobre a oferta xeral da vivenda para outros usos residenciais", cousa que á súa vez, afecta "á vida da cidade e aos dereitos que hai que preservar dos cidadáns". Así pois, unha regulación no ámbito municipal é "necesaria" para "compatibilizar os dereitos de todos", xa que se empeza a percibir unha "restrición da oferta" de pisos para estudantes e familias, asegura Guinarte. Iso que pode converterse nun "serio problema", prosegue, debe frearse mediante unha normativa do Concello. 

Pola súa banda, Aguín pon o foco nas 4500 vivendas baleiras que a día de hoxe se espallan pola cidade de Santiago. "Constantemente escoitamos que por culpa dos pisos turísticos non hai pisos para os residentes, e iso é unha falsidade", constata a presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas, que considera que os motivos polos que soben os alquileres son outros ben diferentes: "as políticas de vivenda esquecéronse de crear a vivenda de especial protección". Segundo Aguín, nada ten que ver un piso para turistas cun piso que se aluga durante todo o ano, nin en canto a equipamento, deterioro que sofre... Polo tanto, chega á conclusión de que son "argumentos interesados" por unha parte do sector. 

"Poñer unha vivenda destas características nun edificio de residentes obviamente trastoca a vida normal da comunidade"

Guinarte admite que é unha modalidade que xa está moi arraigada e que vai ter que competir co sector hoteleiro tradicional. Con todo, ve nestes pisos de uso turístico unha problemática engadida que nos hoteis non se produce: "tamén hai que ter en conta as posibles alteracións da vida nas comunidades de veciños. Poñer unha vivenda destas características nun edificio de residentes obviamente trastoca a vida normal desa comunidade", concreta. Aguín, doutra banda, non cre que "os turistas dean máis problemas que os estudantes: son estancias curtas e só van para durmir". 

NORMATIVA MUNICIPAL

O Concello de Santiago traballa nunha regulación dos aloxamentos turísticos en consonancia coa xa aplicada a nivel autonómico. Estudan referentes onde se establece unha "zonificación da cidade", isto é, determinar en que espazos se poden autorizar vivendas e en cales non. En Santiago, concretamente, xa teñen prohibido aumentar o número de alugueres na zona histórica. Guinarte tampouco descartar a opción de impoñer unha taxa, pero explica que polo de agora non se pode implantar con equidade ao non existir un rexistro municipal real e fidedigno. Por outra banda, "milleiros de persoas que visitan Santiago non pernoctan, pero ocupan espazo público, demandan servizos... Non deberían tamén someterse á taxa igual que as persoas que pernoctan? Hai que estudalo e valoralo", conclúe. 

"SENTÍMONOS PERSEGUIDOS"

A tarefa inspectora saldouse no conxunto de Galicia con 53 expedientes, a meirande parte deles derivados, segundo a información remitida pola Xunta, de infraccións tipificadas como "graves", en concreto por realizar a actividade de xeito ilegal, sen estar inscritas no rexistro autonómico. A respecto das inspeccións, Guinarte considera que "son moi escasas, prácticamente nulas" as que el coñece e das que ten constancia. Dende a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, pola contra, séntense "perseguidos" pola axencia tributaria, polos medios... "Non entendo por que nos veñen a unha vivenda, lle timbran ao turista e lle preguntan como alugaron esa habitación, como pagaron... A ninguén lle van a unha porta do hotel preguntar nada", critica Aguín, que pensa que se trata dun "agravio comparativo" que dá "mala imaxe" para todo o sector. 

"Agora mesmo temos moitísimas habitacións que se alugan en vivendas onde viven os propietarios e non están rexistradas en ningún sitio"

A presidenta da asociación pide un "informe serio e rigoroso", e tamén teñen solicitada unha reunión co alcalde de Santiago para trasladarlle a súa opinión sobre a realidade dos pisos turísticos, que, segundo Aguín, "nada ten que ver co que lemos constantemente na prensa". Tamén considera un erro que o decreto autonómico non incorpore a opción de aluguer por habitacións: "agora mesmo temos moitísimas habitacións que se alugan en vivendas onde viven os propietarios, e non están rexistradas en ningún sitio", sentenza. Apela, finalmente, a traballar "en conxunto" na mellora da "comercialización de Galicia como destino", unha materia, para Aguín, "pendente".

Doutra banda, de cara ao Ano Xacobeo, Guinarte explica que traballarán "por un turismo de calidade, sostible, que non expulse os residentes seu ámbito propio e non altere a fisionomía urbana no relativo a establecementos comerciais". Desestacionalizar, evitar que se concentre en poucas rúas e protexer o comercio local fronte ao "mal endémico" das tendas de souvenirs son algúns dos puntos fortes nos que basear o modelo turístico da cidade segundo o concelleiro.  

Labor de inspección das vivendas de uso turístico en Galicia
Labor de inspección das vivendas de uso turístico en Galicia | Fonte: Xunta de Galicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta