Poxa eléctrica e liberalización da electricidade, un asunto escuro

A oferta e demanda de electricidade deixou de ser un asunto controlado polo Estadoa finais do século XX. Agora o "parqué" eléctrico decide o que acabaremos pagando pola enerxía que consumimos. O principio de que cantos máis compitan máis baixará o prezo está detrás da poxa eléctrica, mais estase cumprindo?

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O mercado eléctrico español é unha suma de máis mercados que venden a electricidade segundo períodos temporais que van desde a venda diaria ao prezo establecido o día anterior ou prezos fixados no mesmo momento. Non obstante, o actual sistema de poxa eléctrica é criticado por diferentes colectivos, sobre todo de consumidores, por velo como un mercado escuro e pensado só para os intereses das empresas eléctricas e máis aínda, un mercado onde fixan prezos de maneira arbitraria e sen ter en conta se as familias poden pagar as facturas mensuais de luz.

Encoro
Encoro

O mercado eléctrico español non é o  único que traballa mediante o sistema de poxa eléctrica. Cando se lle preguntou ás empresas e organismos que interveñen no mercado se este modelo está presente noutros países da Unión Europea, a resposta foi si. O caso é que cada un deses países ten, o mesmo que España, as súas singularidades, pois algúns aplican o sistema de poxa a unha porcentaxe determinada da produción.

FUNCIONAMENTO

A dificultade de explicar como é que funciona o mercado eléctrico para Galicia está en debullar polo miúdo cada paso, cada empresa e cada factor que intervén. En 1997 cambia o sistema de mercado durante o primeiro goberno Aznar mediante a  Ley del Sector Eléctrico 54/1997,que logo foi reformada en 2013,  Ley 24/2013. Antes de 1997 o Goberno marcaba o prezo da electricidade dentro dun sistema regulamentado. Ademais, era o Estado quen pagaba ás empresas privadas custes como a xeración, transporte e distribución, sobre todo a empresas privadas. Unha excepción era Endesa, que daquela era unha compañía pública.

Todo isto fíxose aplicando principios económicos ligados á liberalización dos mercados, considerando que así a competitividade e a libre oferta traería prezos competitivos coa entrada de novas empresas enerxéticas. Aínda así, a intervención séguese dando, pois se observamos a “cadea de valor da electricidade”: xeración, transporte, distribución e subministración, a primeira e última parte están liberalizadas, distribución e subministración non. O obxectivo final é que os e as consumidoras podan elixir libremente entre as diferentes empresas. Con todo, a empresa que subministre é posible que non teña rede eléctrida de seu para o transporte, así debera pagar un aluguer á empresa que si ten esa infraestrutura, aumentando o prezo final do recibo.

Muíño, Aeroxerador, Eólico, Enerxía Eólica, Vento
Muíño, Aeroxerador, Eólico, Enerxía Eólica, Vento

“Un produtor de enerxía pode vender directamente a un distribuidor para que a venda ou participar directamente no sistema de poxa, onde empresas produtoras ofertan a capacidade de produción para o día seguinte;  pola súa parte as comercializadoras acoden á poxa coas súas previsións de demanda para o día seguinte” explica Miguel López, secretario xeral de Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). O Operador del Mercado Ibérico de Energía (OMIE) é o organismo que fai concordar as ofertas de demanda coas ofertas de produción enerxética.

“Dentro da poxa eléctrica interveñen numerosos factores para fixar o prezo, as empresas produtoras entran na poxa ou pool eléctrico, as produtoras entran no mercado maiorista ou pool cun prezo concreto, tendo en conta o que eles estiman que será a demanda” describe Suso Castro, da Fundación axencia enerxética provincial de A Coruña (Faepac). “En segundo lugar, as comercializadoras solicitan unha cantidade determinada de enerxía para cubrir a demanda estimada por horas para o día seguinte”. Aquí é cando o OMIE escolle os prezos dos máis baratos aos máis caros das empresas produtoras de electricidade ata cubrir a demanda total.

Con todo, “como todas as empresas produtoras teñen que cobrar o mesmo pola enerxía producida, o prezo da luz é o da última oferta, a máis cara das empresas produtoras coas que se cubriu a demanda das comercializadoras” sinala Suso Castro. Isto é o que inflúe en subas de prezos nos recibos da luz? Castro explica que para os incrementos de prezos “inflúe moito a enerxía que usen as produtoras, a demanda de enerxía para unha determinada hora abre a poxa primeiro para as enerxía renovables, a 0 euros o Mw, logo as nucleares, a hidráulica que é normalmente a máis barata, porque van entrando de máis barata a máis cara”.

Dentro desa oferta tamén entran as empresas que producen electricidade a partir do carbón, ciclo combinado e outras tecnoloxías. “Mais isto cambiou desde que as centrales de carbón teñen que pagar as taxas de CO2, as produtoras de réxime especial a prezo cero porque logo no que son as taxas, sempre cobrarían algo, as nucleares saen a cero é porque parar unha nuclear é moi caro, é un motivo técnico” explica Suso Castro. Ao final cobrarán segundo a taxación.

XESTIÓN DO MERCADO

Como xa se dixo, o xestor do mercado é OMIE, que como din eles mesmos “fai unha xestión económica do sistema eléctrico en España e Portugal. A xestión do sistema “físico” faina o operador do sistema (REE)”. OMIE sinala ademais que xestiona “o mercado maiorista, que inflúe obviamente no prezo, pero que as tarifas finais a consumidores, tanto en España como no resto de países europeos, non coinciden cos prezos maioristas, tampouco en ningún outro produto”.

Desde Ucgal son críticos co mercado da electricidade pola “falta de transparencia, de escuridade, porque o conxunto da maioría non podemos entendelo, se non sabemos como funciona o mercado da luz que pagamos a fin de mes, mal estamos”. Miguel López continúa co prezo marxinal das poxas, “é dicir, cun sistema de poxa pretenden que a demanda se cubra con prezos económicos que os que as producen están dispostos a vendelo”.

Con todo, o método instaurado en España “de pouco serve que vaian casando ofertas e demandas a prezos económicos, sobre todo a procedente de renovables ou hidroeléctrica, non serve porque ao final os operadores acaban cobrando o mesmo prezo, o que pechou a poxa”. Punto que coincidía co exposto por Suso Castro de Faepac.

Preguntadas as empresas se consideran o sistema de poxa como positivo, desde o gabinete de prensa de Endesa responden que “o preferible é que os mecanismos retributivos que se poxen  non substitúan o mercado ou a contratación bilateral senón que a complementen, acoutando parte do risco a longo prazo. O que non debe facerse é poxar un mecanismo que faga que o comportamento dos xeradores sexa radicalmente distinto do que terían se só operasen co mercado maiorista”.

Por outra parte, Endesa comparte a razón de ser ou filosofia subxacente detrás da poxa. “As poxas teñen un efecto  incentivador á construción de instalacións de produción renovable. A entrada de nova xeración renovable eólica e fotovoltaica sempre ten un efecto redutor do prezo do mercado, o cal reduce á súa vez o prezo final que pagan os consumidores”.

CONCLUSIÓNS

O prezo máis caro da poxa eléctrica é o que acaba establecendo o prezo da electricidade total. As empresas que ofertan máis barato son as renovables, as hidroeléctricas e a nuclear, ben por incentivar unhas, porque a produción é máis barata noutras ou porque, no caso da nuclear, estamos diante dunha enerxía que ten un custo maior desmantelala que mantela.

Por outra banda, a poxa eléctrica naceu coa intención de liberalizar o mercado eléctrico para, segundo a teoría, permitir a entrada de novos competidores no mercado, elemento este que permitiría un “abaratamento dos prezos”. Con todo, a pretendida liberalización en plena crise económica desde 2008 non produciu dito abaratamento, senón que os prezos da electricidade aumentaran de ano en ano. Isto creou situacións de pobreza enerxética como denunciaron algúns colectivos.

Finalmente, a poxa eléctrica será o sistema que predomine dentro dos mercados europeos, co principio, teórico tamén, de que cada consumidor poda escoller libremente a compañía que lle subministre enerxía.

Central térmica de Meirama en Cerceda, de Gas Natural Fenosa
Central térmica de Meirama en Cerceda, de Gas Natural Fenosa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Anonimo

Vivam os serviços públicos, vivam as privatizações para os amigos. Isto é uma estratégia para evitarmos os incêndios, entro de pouco teremos que voltar ao monte para poder acender uma fogueira para cozinhar, aquentar-nos.

1 Gamela

Que me parta un raio se son capaz de entender nada! O tema é ben interesante, pero nesta ocasión, pediríavos unha redacción máis sinxela, máis clara... porque así é imposible! Case o mesmo que entender o recibo da luz... ! O que sí sabemos é que cada vez pagamos máis, especialmente os galegos que debemos ser parvos, ou é que algúns nos queren FACER PARVOS? https://i.gal/gamela09 As cousas non poden ser tan INCOMPRESIBLES !!!