Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2019 | Actualizada ás 17:13
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convocou as axudas de mobilidade destinadas ao alumnado e ao profesorado de Formación Profesional para proxectos formativos en países da Unión Europea no marco do programa Erasmus+.
Esta convocatoria está dirixida ao alumnado e ao persoal de ciclos formativos de Grao Medio e de FP Básica de 43 centros públicos que imparten FP e forman parte do Consorcio de Mobilidades.
A través dunha axuda obtida do Consorcio Europeo de Mobilidades, a Consellería destinará máis de 1,9 millóns de euros a financiar un total de 587 prazas, das cales 420 son para alumnos, para prácticas por motivos de aprendizaxe en países asociados ao Programa (Finlandia, Alemaña, Portugal, Polonia, Francia, Italia, Irlanda, Grecia, Malta, Estonia e República Checa).
O importe das axudas pode variar entre un mínimo de 1.593 euros e un máximo de 5.308 euros para o alumnado, e entre 455 e 819 euros para o profesorado en función tanto do número de días das estancias como dos países de destino. Así mesmo, tamén está aberta a convocatoria de axudas á mobilidade no ámbito dos países da UE para estudantes que cursen un ciclo formativo da modalidade de FP Dual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.