Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2019 | Actualizada ás 14:07
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, defendeuse este venres das acusacións do líder de Compostela Aberta, Martiño Noriega, alegando que este "alucina" por culparlle de estar "dereitizándose" nas súas políticas. As declaracións do primeiro edil tiveron lugar durante a rolda de prensa de inauguración do "curso político" celebrada no Pazo de Raxoi, na que o alcalde indicou que espera "normalidade e colaboración" para o mandato.
Desta forma, Bugallo sinalou que a "dereitización" que menciona Noriega é unha "completa irrealidade", que incorre negativamente na "escasa confianza que xa teñen os cidadáns nos representantes políticos" e por este motivo "hai que medir as cousas que se din".
O alcalde de Santiago lembrou que leva máis de 40 anos "militando para as mesmas siglas" e que o detonante destas acusacións é a "boa relación" que mantén con institucións como a Xunta de Galicia, o Goberno central, a Universidade e a Igrexa, "polo ben da cidade".
Sobre a súa fidelidade ao Partido Socialista, Bugallo declarou que "non sabe se volverá ser candidato", pero en caso de selo non dubida en que "só o sería co PSOE".
POSTURA DO SECRETARIO XERAL DO PSdeG
Por outra banda, preguntado sobre se percibe un xiro cara á dereita no alcalde de Santiago, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, rexeitou entrar en "polémicas estériles".
"Todos os socialistas temos un obxectivo, que é conseguir un cambio de ciclo en Galicia, retirar a Feijóo da fronte da Xunta e todas as forzas progresistas que comparten ese obxectivo son aliados do PSdeG", asegurou.
Neste sentido, incidiu en que todo o esforzo dos socialistas se centrará en "conectar cunha cidadanía que quere pór fin á etapa de Feijóo", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.