Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/09/2019 | Actualizada ás 11:26
Científicos veñen de publicar un traballo no que se analiza a estrutura poboacional dos arroaces en distintos puntos de Europa mediante a colaboración dunha vintena de centros de investigación, incluíndo os arroaces de Galicia coa participación de CEMMA.
Non é a primeira vez que se realizan estudos similares coa especie, tan coñecida na costa galega, mais desta vez buscouse saber que movementos ou relacións podían existir entre os individuos dos distintos espazos xeográficos para coñecer a mellor forma de implementar medidas de conservación establecendo áreas de protección especial de ámbito local ou a conectividade entre distintas áreas dependendo dos movementos dos individuos.
Para levalo a cabo usáronse marcadores xenéticos microsatélites, que son secuencias de ADN nas que un pequeno fragmento se repite consecutivamente. Caracterízanse porque poden ter moita variabilidade, o que se pode utilizar para estudos poboacionais ou incluso para chegar a diferenciar individuos.
Os resultados amosaron unha grande diferenciación xenética entre os arroaces que viven máis próximos ás costas e os arroaces oceánicos, que viven en áreas mariñas afastadas da costa, que ademais teñen unha maior diversidade xenética que os costeiros, algo que era esperable ao ter unha maior poboación e máis diseminada.
Pero ao mesmo tempo os resultados poñen de manifesto a identificación de seis poboacións ben diferenciadas nas seguintes áreas xeográficas costeiras: estuario do Shannon (Irlanda), costa noroeste de Irlanda, Canal da Mancha, costa este de Escocia, costa oeste de Escocia/Gales e costa de Galicia, para as que as taxas de migración entre elas foron menores do 1% por xeneración para a maioría de comparacións.
No referente aos arroaces de Galicia atopáronse 58 alelos diferentes (37% do total), pero ningún exclusivo desa poboación. As poboacións costeiras coas que hai menos relación son as do este de Escocia e Canal da Mancha, e coas que hai máis relación xenética son o estuario do Shannon e o noroeste de Irlanda.
Curiosamente, destaca unha elevada taxa de migración entre Galicia e o este de Escocia, pero identifícase con que son individuos das poboacións oceánicas que comunican ambas áreas, que morren en alta mar e os seus corpos chegan á costa.
Cos resultados obtidos demóstrase que os índices de diversidade xenética para as distintas poboacións costeiras son concordantes coas estimacións de abundancia da especie para cada zona, de maneira que a maior número de individuos espérase unha maior variabilidade.
Galicia, onde se estima que hai entre 636 e 822 arroaces, é a segunda poboación costeira con maior diversidade xenética, por detrás do Canal da Mancha. Isto é importante, porque dende o punto de vista da conservación o que pon de manifesto este estudo coordinado polas investigadoras Milaja Nykänen e Marie Louis é que calquera perturbación local pode ter drásticos efectos negativos nas poboacións costeiras de arroaces, dado o seu pequeno tamaño, baixa diversidade xenética e baixa conectividade entre elas, facéndoas moi vulnerables aos impactos humanos, explica a CEMMA.
PROTECCIÓN
Destácase polo tanto a necesidade de protexer o seu hábitat a través de Áreas Especiais de Conservación, figura contemplada na Directiva Hábitats da UE, así como medidas de conservación específicas.
Por último recoméndase que para un mellor coñecemento da especie, estes estudos xenéticos se complementen con seguimentos poboacionais ou de fotoidentificación regulares e continuos no tempo, algo que en Galicia CEMMA leva realizando dende os anos noventa DO século XX.
O estudo, titulado 'Fine‐scale population structure and connectivity of bottlenose dolphins, Tursiops truncatus, in European waters and implications for conservation', vén de publicarse na revista científica Aquatic Conservation: Marine and Freshwater Ecosystems.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.