Grave crime en Valga: O drama de dous nenos que quedan sen nai, avoa e tía coa que convivían

Decenas de veciños e autoridades concentráronse este luns ante as portas da casa consistorial para trasladar a súa repulsa polo triplo crime. Localizan no río Tambre a arma que presuntamente se usou no crime de Valga. O presunto autor pasará a disposición xudicial este martes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2019 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia


Decenas de veciños e autoridades concentráronse este luns ante as portas da casa consistorial para trasladar a súa repulsa polo triplo crime machista rexistrado en Valga esta mañá e para trasladar a súa solidariedade cos familiares das tres vítimas, residentes no municipio.

O acto celebrouse sobre as 20,00 horas, e entre as autoridades presentes estaban a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde do municipio, José María Belo, e o portavoz de En Marea, Luís Villares.

O Goberno local convocara un pleno extraordinario para expresar o seu rexeitamento ás tres mortes e en memoria das vítimas, ademais desta concentración prevista ao termo da sesión. Ao longo do martes, tamén están convocadas numerosas concentracións e actos na inmensa maioría de concellos de toda Galicia, ademais dun minuto de silencio na Subdelegación do Goberno de Pontevedra.

Saída dun coche fúnebre co corpo dunha das vítimas do tiple crime no concello de Valga na provincia de Valga. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Saída dun coche fúnebre co corpo dunha das vítimas do tiple crime no concello de Valga na provincia de Valga. Álvaro Ballesteros - Europa Press

ACHADO DA PRESUNTA ARMA HOMICIDA

Efectivos do GEAS da Coruña localizaron na tarde deste luns a arma empregada polo presunto autor do triplo homicidio de Valga. Segundo informaron fontes da investigación, o dispositivo de procura achou un revólver e unha caixa de munición no río Tambre, nas inmediacións de Ames-Aldea Pontenova.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, apuntou este xoves en Lugo que o "revolver do calibre 32" co que se cometeu o triplo crime machista de Valga (Pontevedra) puido ser adquirido no "mercado negro das armas". Losada, que lembrou que o caso xa está "xudicializado", puntualizou que a arma era un "revólver do calibre 32, que non ten numeración, é novo, do mesmo xeito que os proxectís atopados e a primeira suposición é que se adquiriu no mercado negro das armas".

Agora os investigadores envórcanse sobre "a rastrexabilidade, ata atopar o fío que leve á orixe exacta da arma, que era nova, sen numeración e adquirida supostamente de forma ilegal". "Non tiña licenza de armas (o autor confeso)".

ACTUACIÓNS

Sobre ese "mercado negro", Losada destacou dúas actuacións relacionadas coa captura de "un alixo moi importante que tiña a súa orixe en Ponteareas e despois outro alixo que descubriu a Policía Nacional".

"A Policía Nacional e a Garda Civil traballan intensamente, xa sexa rastrexando as redes ou con seguimentos", destacou en relación ao traballo das forzas e corpos de seguridade do Estado para combater este mercado. O delegado do Goberno finalmente expresou os seus desexos de que "os investigadores da Garda Civil, que ademais teñen unha especialidade en armas, poidan chegar a atopar a liña e buscar cal foi o mecanismo exacto de compra e lugar". "A características da arma marcan claramente que se trata dunha arma nova, posiblemente pasase da produción ao mercado negro de forma directa", concluíu.

O terrible asasinato machista de Valga deixa como vítimas a dous nenos de catro e sete anos. Son os fillos do homicida e da muller asasinada que presenciaron o acontecido este luns na parroquia de Cordeiro. Estes nenos perderon a familia coa que convivían, a nai, a avoa e a tía, e quedarán, finalmente cun familiar directo.

Os fillos menores da muller asasinada en Valga, de catro e sete anos, quedarán finalmente cun familiar directo, segundo confirmaron fontes da investigación e o alcalde da localidade, José María Belo. En declaracións aos medios, o rexedor, visiblemente afectado por este caso, narrou que os menores, que presenciaron o triplo crime, están nestes momentos en casa dun veciño e en compañía doutros nenos, na "mellor contorna" posible.

Así, por recomendación dos psicólogos, decidiuse que, finalmente, queden en casa dun familiar, aínda que non na vivenda na que residían coa súa nai, a súa avoa e a súa tía, as tres asasinadas este luns. Fontes da Administración galega confirmaron que os menores permanecerán provisionalmente co irmán da súa avoa, unha decisión tomada de forma conxunta pola xuíza, os servizos sociais municipais e o equipo de menores da Xunta, que están a traballar en contacto constante en beneficio dos dous nenos.

Esta medida manterase polo menos ata o mércores, cando a maxistrada tome declaración aos nenos, momento no que poderá continuarse coa avaliación completa da situación a menos que se determine que existe algunha situación de risco que obriga a asumir a tutela.

O alcalde lembrou que nestes momentos está a realizarse a "investigación" dos feitos e precisou que o consistorio non tiña "ningún tipo" de información sobre que existisen problemas de malos tratos na parella, en trámites de separación. O rexedor mostrou a súa consternación polo sucedido e explicou que o marido dunha das falecidas é traballador do concello. O consistorio de Valga convocou para as 20,00 horas deste luns un pleno extraordinario de repulsa por estes feitos, ao que seguirá unha concentración diante do Concello.

A DISPOSICIÓN XUDICIAL ESTE MARTES

O home detido en relación ao triplo homicidio de Valga pasará a disposición xudicial previsiblemente este martes. Segundo informaron fontes xudiciais, o detido, exmarido dunha das vítimas, permanece custodiado pola Garda Civil e, en principio, pasará a disposición xudicial a partir das 10,00 horas deste martes. Farao ante a maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 de Caldas, que se atopaba de garda no momento dos feitos e, ademais, é a competente en casos de violencia de xénero.

Por outra banda, fontes xudiciais precisaron que o home e a súa ex muller non se atopaban en proceso de separación, se non que a sentenza de divorcio está ratificada de xaneiro do ano pasado. O detido, de 45 anos e residente actualmente en Ames, desprazouse á primeira hora da mañá ata Valga, onde sorprendeu á súa exmuller cando esta saía do seu domicilio cos seus dous fillos, de sete e catro anos.

DETENCIÓN

O home entregouse á primeira hora da mañá nun cuartel da Garda Civil en Ames (A Coruña). Ante os axentes, o agora detido manifestou que matara a estas tres mulleres.

Os feitos sucederon á primeira hora da mañá, cando a muller abandonaba o seu domicilio para levar ao colexio aos seus fillos menores, de catro e sete anos. Nunha leira anexa, a vítima foi sorprendida pola home, do que se atopaba en trámites de separación, e que lle disparou cunha arma curta. Nese momento, segundo a primeira reconstrución, saíron na súa axuda a súa nai e a súa irmá, que tamén recibiron disparos mortais en presenza dos dous nenos. Posteriormente, o home regresou ao municipio coruñés de Ames, onde residía cos seus pais, e entregouse nun cuartel da Garda Civil.

Efectivos do GEAS da Coruña localizaron na tarde deste luns a arma empregada polo presunto autor do triplo homicidio de Valga. Segundo informaron fontes da investigación, o dispositivo de procura achou un revólver e unha caixa de munición no río Tambre, nas inmediacións de Ames-Aldea Pontenova.

TERCEIRO CRIME MACHISTA

De confirmarse oficialmente, este sería o terceiro caso de violencia de xénero rexistrado en Galicia no que vai de ano. Co asasinato desta muller, son xa 41 as asasinadas polas súas parellas ou exparellas no conxunto do estado e 30 os menores que quedaron orfos. Con todo, e a pesar de ser un crime machista, nin a excuñada nin a exsogra, tamén mortas, formarán parte das estatísticas oficiais.

Desde 2003, 1.016 mulleres foron vítimas mortais de crimes machistas. Ademais, este é o segundo crime machista que se rexistra en Valga, un municipio de apenas seis mil habitantes, en 2019. O pasado mes de marzo un home matou á súa muller dun tiro cunha escopeta de caza e despois suicidouse. 

ATENCIÓN PSICOLÓXICA A MENORES

Equipos de psicólogos dependentes da Xunta, así como do departamento de Menores, desprazáronse xa ata o municipio pontevedrés de Valga por se fose necesaria a súa intervención, mentres que os axentes da Garda Civil e a comitiva xudicial continúan coa inspección do lugar no que esta mañá un home disparou mortalmente á súa exmuller, á exsogra e a excuñada.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou que ata Valga se desprazaron equipos de apoio psicolóxico e de Menores da Xunta, aínda que será a xuíza a que determine como e en que momento deben actuar.


"Terá que ser a xuíza a que o decida. Os equipos de Menores da Xunta e os psicólogos están aquí a disposición do que se lles diga para intervir", explicou Rueda, que tamén afirmou que familiares das vítimas ofrecéronse " para acoller aos seus fillos, de catro e sete anos e que presenciaron os feitos". Do mesmo xeito, Rueda lembrou que sobre o exmarido --atopábanse en trámites de divorcio-- non había denuncias previas ou ordes de protección.

O Goberno galego aproveitou, ademais, para animar ás persoas que estean a ser vítimas de malos tratos a denunciar, para que se poidan prestar as axudas necesarias para romper coa situación de violencia na que están inmersas. Para iso, lembrou, contan con "un amplo abanico de medidas", como a protección policial, as axudas económicas ou o apoio psicolóxico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xian do Sil

E logo algúns quererán seguir quitando a prisión permanente revisable para estes monstros

1 Gamela

Todo son MENTIRAS! "amplio abanico de medidas" (?) o asasinato de Ana Enjamio vai para 3 anos sen que se celebre o xuízo (?) https://www.farodevigo.es/sucesos/2... Por non falar de que ninguén acodiu aos berros da vítima no portal (?) Hai algo que non funciona e seguimos enrocados nas frases feitas e nos minutos de silencio, pero as mulleres seguen morrendo... ¿Por que non imos ata o fondo da cuestión?