"Dálle de beber ao chaval, que tamén o necesita"... Como superar unha adicción

O consumo de alcol dentro de Galicia é o problema de adicción máis preocupante segundo especialistas, educadores e autoridades. GC fala con persoas que tiveron problemas co alcol e que comezaran a beber moi novas. Tras anos de loita a súa mensaxe é que se pode saír deste inferno. Estas son algunhas das súas historias.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2019 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

As estatísticas do Instituto Nacional de Estadística (INE) indican que o consumo medio de alcol de homes e mulleres en Galicia, estarían nun lugar intermedio, tanto para o consumo entre semana (luns a xoves), fin de semana (venres, sábado e domingo) e semanal (luns a domingo). Así, fronte a un consumo medio en fin de semana duns 16,93 para homes e mulleres en Galicia, Asturias estaría case en 25 puntos de consumo de venres a domingo.

Cana de cervexa, bebida, España
Cana de cervexa, bebida, España

A cuestión é que socialmente o consumo de alcol está máis que adminitido, ten unha constante dentro dos nosos hábitos de convivencia e celebración. Así, a socialización mediante o emprego de esta substacia convértese nun consumo moi común e, se se pasan uns límites, nunha adicción perigosa.

CONSUMO ENTRE MOZOS E MOZAS

O habitual nas reunións de xente nova denominadas botellón, é consumir cantidades elevadas de alcol. Ese alcol pode mersturarse con outras bebidas non alcólicas para combinar os sabores dun e doutra. “O alcol é unha droga depresora, causa depresión, mais actualmente estase a mesturar con bebidas denominadas enerxéticas, que son estimulantes, así que se ás catro da mañá mesturas unha bebida alcólica cunha enerxética e xa estás arriba” di Antonio Rial, profesor da USC en Psicoloxía.

“É unha moda consumir este tipo de bebidas ou combinados, mais o que non se ten en conta moitas veces é o incremento de condutas de risco por parte das persoas que consomen” sinala Rial. Outra das substancias que se están consumindo entre a xente máis nova actualmente é “xarope violeta, que é codeína, combinan logo con alcol e os datos din que un 5 ou 6% de rapaces e rapazas xa o consumiron ou consomen con regularidade, a principal bebida da xente máis nova a fin de semana son os combiandos e durante a semana a cervexa”.

“Temos un 80% de menores de idade entre 14 e 18 anos que recoñecen ter consumido alcol no último ano, superar iso é imposible, a xente nova que non consumiu é aínda xente nova que non saíu as fins de semana” di Manuel Isorna, profesor na Universidade de Vigo. E por que a xente tan nova consume alcol nun botellón sen control? “Hai diversos factores, mais un dos que ten grande peso é ser submiso, deixarte levar pola  presión do grupo.

ADULTOS QUE SAÍRON

Adiante é unha asociación de persoas rehabilitadas do consumo de alcol nas Pontes. Algunhas das persoas que pasaron e acoden a esta asociación, relataron as súas experiencias como individuos adictos ao alcol. Os primeiros pasos que marcan, ou obxectivos micro, para a rehabilitación da persoa é aprender habilidades suficientes para ir abandonando o consumo de alcol. Un segundo estadio, ou obxectivos macro, afectarían ao consumo dentro da sociedade, buscando “promover unha conciencia social sobre a importancia dos problemas, os danos e os custes persoais e sociais relacionados coa enfermidade alcólica, sobre a posibilidade real de evitalos e sobre a importancia de que a sociedade no seu conxunto sexa parte activa na súa solución”.

Unha destas persoas, Juan, destaca que a súa adicción comezou por “un complexo de inferioridade". "Eu era un chaval moi novo que saía cos maiores da vila, saíamos ás festas, e dálle algo ao chaval,”. O caso é que, coincidindo con puntos expresados por especialistas, tamén a aceptación social do consumo de alcol, influiu nesta  persoa. “Non estaba mal visto, beber era como liberarse, perdías a vergonza”. Primeiro foron as festas dos domingos, logo “cando xa houbo traballo e tiña diñeiro, bebía un día ou dous á semana, podían pasar tres ou catro, mais o día que comezaba, era un sen parar”.

Pasou o tempo e casou, “entón foi a muller quen me dixo que bebía moito e eu que non, que só o normal, fago o que todo o mundo”. A insistencia dentro do matrimonio fixeron que acudisen a psicólogo e “moi ben, as cousas comezaron a ir ben, mais eu volvín beber ás agachadas e logo negaba todo”. “Nunca sentes que es un adicto ata que che abren os ollos, sobre todo cando ves que hai persoas que teñen os mesmos problemas, logo hai recaídas, pero o certo é que se pode saír, deixei de beber e comecei a vivir”.

Outra persoa, que prefire manter o anonimato, declara que “en casa quería ser o centro de atención, cando non o era recorría á bebida porque a tiña cerca”.  Fíxoo a unha idade temperám cando “cando vivía fóra de Galicia, logo para deixalo foi a miña familia a que decidiu por min, polo grande problema que tiña coa bebida, dixeron que me axudaban se deixaba a bebida”. A sociedade podería xulgar a estas persoas, “cando estaba un pouco ben, ía mercar alcol, despois non o sentían moito”. “Agora non hai comparación, ves as cousas doutra maneira”.

Desde a Asociación Adiante, un dos seus responsables, Víctor, relata que sobre a xente nova e alcol “levamos tres anos impartindo programas que non son charlas, nos institutos das Pontes e da E.S.O.”. A maneira de combater o acceso e exceso dos máis novos co alcol “é facer cambios no modelo educativo, os modelos dos máis novos, os axentes presentes nos procesos de socialización, se comezan a traballar con xente nova, os progresos vense a longo prazo, sobre todo traballamos a intelixencia emocional”.

Por outra parte, son conscientes de que vai seguir existindo o consumo de alcol, “consideramos que un sistema bo sería prolongar a idade para poder beber alcol e minimizar o contacto coa bebida, tabaco e cannabis”.

A procura dun modelo educativo onde se reforce a autoestima dos máis novos podería evitar a longo prazo que se convertan en adictos ao alcol. Por outra parte, tamén recomendan os especialistas elevar a idade para comezar a beber así como fomentar o diálogo intrafamiliar e cambiar os modelos de conducta de quen ten máis influencia sobre a xente nova. A conclusión de especialistas e persoas afectadas é iso, cambiar os modelos de conducta ou os valores sociais para evitar o alcolimos entre xente nova...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta