Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2019 | Actualizada ás 14:05
O portavoz de Compostela Aberta e exalcalde de Santiago, Martiño Noriega, evitou pronunciarse sobre se o seu partido político, Anova, debe presentarse ás eleccións xerais despois de non facelo nos comicios do pasado mes de abril tras fracasar as negociacións para a súa inclusión na coalición En Común, formada por Esquerda Unida e Podemos.
A preguntas dos medios este xoves nunha comparecencia de prensa celebrada no Concello de Santiago, Noriega sinalou que lle parece "pouco responsable" expresar a súa postura persoal cando se atopa "desconectado do ámbito galego e estatal".
O exalcalde de Santiago e Teo é un dos referentes da organización nacionalista nada en 2012, aínda que abandonou a primeira liña do partido a comezos de 2017 para centrarse na política local.
Este xoves, un día despois de que Anova emitise un comunicado no que deixa a porta aberta a volver presentarse ás xerais, Noriega apelou a "non facer valoracións desde o local" sobre as decisións do partido no que milita. "No seu momento (a dirección de Anova) fará a formulación que consideren e eu non vou condicionalo. Paréceme pouco responsable facelo", subliñou Noriega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.