Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2019 | Actualizada ás 15:05
O portavoz de Compostela Aberta no Concello de Santiago, Martiño Noriega, acusou ao rexedor santiagués, Xosé Sánchez Bugallo, de recuperar para o cargo de responsable da rede de centros cívicos municipais a unha persoa "vinculada" á executiva do PSdeG que xa desempeñou esa posición durante unha etapa na que cometeu "irregularidades administrativas" que tiveron "un forte impacto nas arcas municipais".
Noriega, nunha rolda de prensa celebrada este xoves, avanzou que esta será unha das cuestións polas que preguntará ao goberno local no próximo pleno ordinario, no que tamén expresará as súas dúbidas pola xestión da rede de centros cívicos tras a chegada á Alcaldía de Sánchez Bugallo.
E é que, segundo o exrexedor, o novo goberno tomou decisións "inexplicables" como "declarar a caducidade do expediente sancionador" aberto polos seus predecesores contra a concesionaria, Ferrovial, e "cesar as tres persoas" que exercían tarefas de "control" sobre o contrato dos centros cívicos. "Dá a sensación de que as contratas operan á súa facer e non se lles pode supervisar", apostilou.
Ademais, criticou que o executivo local que encabeza Sánchez Bugallo vaia a nomear ao antigo responsable municipal da rede de cnetros cívicos, Enrique Vázquez; unha persoa "vinculada á executiva do PSdeG" e que "desde o seu posto" foi "responsable" de sentenzas contra o concello "por valor dun millón de euros" por "irregularidades administrativas" na cesión de persoal.
No entanto, Noriega apuntou que "non viu" o decreto para o nomeamento desta persoa, cesada polo goberno municipal que el mesmo encabezaba. "O seu traballo na rede de centros supuxo un impacto importante nas arcas municipais", asegurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.