Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/09/2019 | Actualizada ás 15:15
A primeira incubadora galega de novos fármacos superou a fase "crítica" inicial no desenvolvemento de medicamentos contra o alzhéimer, párkinson e o cancro hepático (de fígado), de forma que se encamiñan cara ao seu estudo clínico.
Este venres presentáronse en Santiago os "exitosos" resultados na fase de incubación destes fármacos. A iniciativa I2D2 está impulsada pola Fundación Kaertor, a Xunta e a compañía farmacéutica Janssen (Johnson & Johnson).
O director científico da Fundación Kaertor, Ángel Carracedo, valorou que se puideron desenvolver nun tempo "marca" estas tres "excelentes" ideas —inicialmente houbo 157 manifestacións de interese— para enfermidades sen cura, pois se conseguiu "avanzar moitísimo" nos tempos de respostas e nas posibilidades de "éxito" ao "diminuír os riscos".
Durante a fase de incubación, que durou entre seis meses e un ano, un comité de dirección foi o encargado de facer un exhaustivo seguimento deste tres programas, que superaron as expectativas, segundo se explicou este venres nun acto no Cimus, en Santiago.
Mabel Loza, directora científica da Fundación Kaertor, explicou que se persegue poder realizar nuns anos as primeiras probas en humanos nos hospitais galegos. Para iso, na súa incubación reducíronse custos nun "90 por cento", así como os tempos nun "80 por cento".
Pola súa banda, o responsable de I+D de Janssen en España, Javier Fernández, explicou que se está nunha fase de resultado "extraordinariamente temperáns" con "risco altísimo", pero "con moito potencial".
VALORAR VIABILIDADE INDUSTRIAL
Agora arrinca a avaliación dos tres programas seleccionados, de forma que a farmacéutica Janssen poderá valorar a súa viabilidade industrial, o seu posible investimento, tempos e recursos humanos.
O obxectivo desta incubadora é acelerar o desenvolvemento dos proxectos de investigación e reducir o tempo de observación de resultados nas probas sobre os pacientes (dos habituais 14 anos a nove).
Os centros responsables destas investigacións son todos españois, ao tratarse da compañía Quimatryx S.L., promotora do programa sobre Alzheimer; a Universidade Complutense de Madrid, sobre o Parkinson; e o Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares do Instituto de Saúde Carlos III (CNIC), impulsor do programa dirixido a enfermidades hepáticas.
GALICIA COMO REFERENTE BIOTECNOLÓXICO
Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, mostrou a súa "emoción" e "orgullo" polos primeiros resultados desta investigación coa que Galicia busca converterse nun referente no campo da biotecnoloxía.
Neste sentido, Conde dixo que se afronta o "reto" de "responder moitas preguntas que non teñen resposta", á vez que destacou a importancia da colaboración público-privada.
A este respecto, o patrón da Fundación Kaertor, José Manuel Silva, remarca que esta iniciativa demostra que en Galicia se "poden facer as cousas igual de ben que noutros lugares", a pesar de que se asocien os países do sur con atraso en coñecemento. "Gustaríame que isto deixase de ser verdade", afirma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.