Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 23/09/2019 | Actualizada ás 13:08
Á crise da industria galega, que acumula números negativos nos últimos meses, tamén se lle suman as exportacións galegas que baixaron un 2,1% en xullo en comparación co mesmo mes de 2018, ata quedar en 1.876 millóns de euros de valor, segundo os datos que publica este luns o Instituto Galego de Estatística(IGE).
Deste xeito, Galicia xa acumula cinco meses consecutivos de caídas interanuais, pois o seu último aumento produciuse en febreiro. De media no que vai de ano, entre xaneiro e xullo, hai un retroceso do 8,9%, ata un total de 12.385 millóns. O descenso galego en xullo contrasta co incremento en España do 3,8%. Ademais, nos sete primeiros meses o Estado alcanza o seu máximo histórico de vendas ao exterior, cun avance do 2%.
A automoción foi o sector con maior impacto negativo en xullo en Galicia, ao caer un 3,6%, xa que representa o 21% das exportacións. Os combustibles (-2%) e o material eléctrico (-1,6%), séguenlle en baixadas máis importantes. Ao longo de 2019 a venda de vehículos descende un 5%.
No outro extremo, os produtos con maior alza en xullo son o apartado 'Barco e embarcacións', ao crecer un 2,3%. Tamén lidera os datos positivos do sete primeiros meses (+0,7%).
En xullo, hai rebaixas significativas nas vendas a países como Bélxica (-59,5%), Italia (-18,5%), Alemaña (-12,9%) e Francia (-5,9%). Mentres, elévanse as exportacións a Suecia (+403,0%), Países Baixos (+49,4%) e Reino Unido (+14,5%).
De tal forma, o peso de Galicia no conxunto de España en xullo queda no 7,4% das exportacións. Hai nove comunidades con datos positivos, onde sobresaen Cataluña, Madrid e Aragón.
LIXEIRO REPUNTE DE IMPORTACIÓNS
No tocante ás importacións en Galicia, hai un lixeiro repunte do 0,1% en xullo en comparación co mesmo mes de 2018. Está por baixo da media española (+0,6%).
Este incremento explícase polo avance nas importacións de material electrónico en Galicia (+2,1%), que representan máis do 4% do total das compras que se fan. Séguenlle calzado e produtos químicos entre os maiores aumentos. No que vai de ano, os aparellos mecánicos contan coa subida máis acusada (+1,2%).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.