Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 04/10/2019 | Actualizada ás 16:06
O expresidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, referiuse ao conflito independentista catalán ao asegurar que o "inimigo dalgúns era España, a lei e a Constitución". Rajoy pronunciouse deste xeito durante o debate mantido este xoves co que tamén fora presidente do goberno, o socialista Felipe González, no 'Foro La Toja. Vínculo Atlántico', que se celebra na Illa da Toxa.
Neste escenario, Rajoy considerou que "non só en España, senón en xeral, en todo o mundo" están a xurdir "nacionalismos populistas". "O nacionalista crese que o sitio onde el naceu é o mellor do mundo", sinalou o expresidente, que indicou que, "entón, calquera limitación que se produza, moléstalles".
Entre elas, citou a emigración, o libre comercio, o multilateralismo e destacou o brexit como "o caso máis paradigmático". "Consideran que marchando de aquí se van aforrar un porrón de libras esterlinas, que xa non vai haber ningún emigrante, que a Unión Europea é o seu inimigo...", manifestou.
"E aquí, en España, o inimigo dalgúns era España... tiñan que buscar o seu inimigo, que era España, e a lei e a Constitución", censurou.
Ademais, referiuse ásituación actual en Cataluña para asegurar que "non é a primeira vez que se producen acontecementos indesexables" e incidiu en que sempre o argumento é "un sentimento". "É moi difícil discutir contra un sentimento", apuntou.
Con todo, asegurou que cando se produce unha "colisión entre sentimentos" o que hai "é a lei", que "é o que ordena a convivencia". Por tanto, cumprir a lei e as constitucións "é o que procede aplicar nos tempos nos que vivimos". "Non hai outra e está a ir a cousa, por máis problemas que poida haber agora coa sentenza, está a ir a mellor", considerou.
"OS SENTIMENTOS NON SON DEREITOS"
Tras a intervención de Rajoy, o socialista Felipe González definiu España como un país "plural nas ideas" e "diverso nos sentimentos de pertenza". Con todo, deixou claro que "os sentimentos, absolutamente respectables, non son dereitos".
Así, expresou que cando escoita a un nacionalista referirse a súa rexión como "nación" el está disposto a "aceptar" sempre que este "acepte" que "España é unha nación que nos afecta a todos e que, por tanto, o dereito a decidir é de todos".
Todo iso nunha intervención na que considerou que "hai un certo fracaso da política" cando todos "están pendentes do que decida" o xuíz Manuel Marchena e o Tribunal Supremo. "Non porque esteamos pendentes de se será ou non discutible de acordo a dereito, senón da dimensión política do que decidan", apuntou nun debate no que se referiu ao xuízo do 'procés' como "impecable".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.