Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/10/2019 | Actualizada ás 21:00
O acordo acadado entre a actual Executiva de Compromiso por Galicia (CxG), co seu secretario xeral, Juan Carlos Piñeiro, á cabeza, e a dirección do BNG, provocou unha gran fractura desta formación galeguista. Os principais motivos están na decisión de non informar á militancia e ao Consello Nacional desta decisión pero, sobre todo, polas formas “escuras” nas que se produciu e pola viraxe ideolóxica cara a dereita deste partido.
Entre as baixas están as do seu ex secretario xeral e un dos fundadores de CxG, Xoán Bascuas, así como a da ex alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso. Tamén marchan varios concelleiros de toda Galicia e toda a agrupación de Samos e O Páramo, así como case a totalidade da de Sarria. As baixas tamén son numerosas na área de Santiago, o que obrigará a dirección a nomear xestoras ou a elixir novas direccións locais.
Con todo, Juan Carlos Piñeiro, en declaracións a Galicia Confidencial, minimiza esta crise e asegura que “só pediron a baixa unhas 20 persoas”. “Un número moi pequeno se se ten en conta que temos 400 afiliados”, asegura.
"INTERESES ESCUROS"
Entre as persoas que marchan a visión é diferente. Critican as formas da nova dirección e, especialmente, a súa “dereitización” e non entenden como o BNG puido chegar a un acordo cunha formación que ten unha deriva “perigosa” cara “á dereita máis rancia”. Por iso, non dubidan da existencia de “intereses escuros” ou “promesas da dirección do Bloque para colocar” a determinados dirixentes de CxG e consumar, así, a súa disolución dentro das siglas do BNG.
Poñen como exemplo o caso de José Luis Calo, que primeiro militou en Ciudadanos en Ames e no 2016 presentouse pola ultradereitista Vox na provincia da Coruña. “E agora está na Executiva de CxG e, ademais, aplaude o pacto co BNG”, apuntan.
“Eu son un demócrata e non miro de onde ven a xente. Non é un corrupto, non roubou e está en CxG porque acepta o noso ideario galeguista. Se non o aceptaba, non estaría con nós”, respondeu Piñeiro a estas declaracións. “Aquín non vemos de onde ven, senón cara onde vai e as persoas evolucionan”, suliña ao lembrar que el mesmo foi concelleiro co PSOE. “Eu veño do ámbito de UGT e hai presidentes de comités de empresa deste sindicato que son concelleiros do PP”, afirmou.
“El deume as súas razóns persoais e as súas explicacións convencéronme e por iso está na miña Executiva”, indicou. “Igual agora ten valor dobre que acepte o ideario galeguista”, engadiu. Ademais criticou a aqueles que o poñen na diana. “A min paréceme que é moito más demócrata un que ven de Vox que outro que marcha dun partido Porque perde unhas eleccións internas”, engadiu.
E sobre a súa anterior militancia quixo ir máis alá: “Non leva unha tatuaxe de Franco no brazo e non foi un activo dirixente de Vox... Obviamente se estivera berrando 'Una España grande y libre' pois non estaría na Executiva de Compromiso”, indicou.
PNV
Preguntado se o acordo co BNG pode afectar o pacto que existe co PNV, Piñeiro tamén foi contundente e asegurou que “eles mesmos aplaudiron o acordo”. “Non fai falla que diga a distancia ideolóxica que temos co Bloque pero tamén eles entenderon que había que chegar a este acordo polo ben do país”, concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.