Crise en Compromiso por Galicia tras o pacto electoral co BNG

Pediron a baixa o ex secretario xeral, Xoán Bascoas, ou a ex alcaldesa de Muros. Tamén todos os militantes das agrupacións de Samos e O Páramo, así como moitos da área de Santiago. Críticas polo apoio do pacto co Bloque dun ex candidato de Vox e Ciudadanos, agora na dirección de CxG. "Non ten a Franco tatuado no brazo", ironiza Piñeiro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/10/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O acordo acadado entre a actual Executiva de Compromiso por Galicia (CxG), co seu secretario xeral, Juan Carlos Piñeiro, á cabeza, e a dirección do BNG, provocou unha gran fractura desta formación galeguista. Os principais motivos están na decisión de non informar á militancia e ao Consello Nacional desta decisión pero, sobre todo, polas formas “escuras” nas que se produciu e pola viraxe ideolóxica cara a dereita deste partido.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro | Fonte: EP

Entre as baixas están as do seu ex secretario xeral e un dos fundadores de CxG, Xoán Bascuas, así como a da ex alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso. Tamén marchan varios concelleiros de toda Galicia e toda a agrupación de Samos e O Páramo, así como case a totalidade da de Sarria. As baixas tamén son numerosas na área de Santiago, o que obrigará a dirección a nomear xestoras ou a elixir novas direccións locais.

Con todo, Juan Carlos Piñeiro, en declaracións a Galicia Confidencial, minimiza esta crise  e asegura que “só pediron a baixa unhas 20 persoas”. “Un número moi pequeno se se ten en conta que temos 400 afiliados”, asegura. 

"INTERESES ESCUROS"

Entre as persoas que marchan a visión é diferente. Critican as formas da nova dirección e, especialmente, a súa “dereitización” e non entenden como o BNG puido chegar a un acordo cunha formación que ten unha deriva “perigosa” cara “á dereita máis rancia”. Por iso, non dubidan da existencia de “intereses escuros” ou “promesas da dirección do Bloque para colocar” a determinados dirixentes de CxG e consumar, así, a súa disolución dentro das siglas do BNG.

Poñen como exemplo o caso de José Luis Calo, que primeiro militou en Ciudadanos en Ames e no 2016 presentouse pola ultradereitista Vox na provincia da Coruña. “E agora está na Executiva de CxG e, ademais, aplaude o pacto co BNG”, apuntan.

“Eu son un demócrata e non miro de onde ven a xente. Non é un corrupto, non roubou e está en CxG porque acepta o noso ideario galeguista. Se non o aceptaba, non estaría con nós”, respondeu Piñeiro a estas declaracións. “Aquín non vemos de onde ven, senón cara onde vai e as persoas evolucionan”, suliña ao lembrar que el mesmo foi concelleiro co PSOE. “Eu veño do ámbito de UGT e hai presidentes de comités de empresa deste sindicato que son concelleiros do PP”, afirmou.

“El deume as súas razóns persoais e as súas explicacións convencéronme e por iso está na miña Executiva”, indicou. “Igual agora ten valor dobre que acepte o ideario galeguista”, engadiu. Ademais criticou a aqueles que o poñen na diana. “A min paréceme que é moito más demócrata un que ven de Vox que outro que marcha dun partido Porque perde unhas eleccións internas”, engadiu.

E sobre a súa anterior militancia quixo ir máis alá: “Non leva unha tatuaxe de Franco no brazo e non foi un activo dirixente de Vox... Obviamente se estivera berrando 'Una España grande y libre' pois non estaría na Executiva de Compromiso”, indicou.

PNV

Preguntado se o acordo co BNG pode afectar o pacto que existe co PNV, Piñeiro tamén foi contundente e asegurou que “eles mesmos aplaudiron o acordo”. “Non fai falla que diga a distancia ideolóxica que temos co Bloque pero tamén eles entenderon que había que chegar a este acordo polo ben do país”, concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 39 comentarios

5 Caselas

Os dirixentes do BNG deben explicar este pacto estrano, feito con xente españolista de pasado moi escuro, se hai negocio escondido, pois o escándalo na rede xa está servido. O desatino de Age e os devaneos do Villares non hai por onde collelos. Agora, facer público as cabezas das listas por parte do BNG cando outros falan de negociar, e agora pretender tapar con esta vergoña de pacto, iso supera os límites da decencia. O dito, os dirixentes do BNG son un lastre. Apoialos agora é ser cómplices, polo tanto NON CO MEU VOTO!

4 lois

En Samos, nas ultimas eleccións o BNG tivo mais votos que compromiso, e por iso algún excompromiso ainda non o entendeu hoxe, é claro a primeira de cambio marcha, ......

3 Pasmao

Nada raro. En Lalín os do BNG estiveron a gobernar cunha familia caciquil e franquista con Franco e ninguén se estrañou. Non sei a que vén tanto alboroto.

2 PericangHBO

Pero existe CX?

1 seixocici

A UPG é unha excelente patronal. Con sindicato e liberados, dirixentes e casta. Juan Carlos Piñeiro sábeo (o da UGT é público), logo será premiado e recolocado nun dos chiringuitos próximamente como se rumorea? Todo por 2.000 votos pasados, que cada día escapan, vanse fugando e protestando! Os do BNG farán campaña collidos da man dun de Vox e de Ciudadanos? Se a neta de Franco lle esiximos a devolución do roubado, por que non facelo co neto da aboa-contable de Lalín? Que saben e comparten os da UPG do PDR portugués cos que se alía Juan Carlos? Juan Carlos tira foto co Borbón e aplaude os militares franquistas, sábeo a Ana que asiste as merendas monárquicas e españolistas de La Voz de Malicia? Definitivamente, será que a UPG perdeu o norte?

1 Eu non son da upg

Comezas e rematas o texto falando da upg... toda a xente a quen lle cae mal o bloque so fala da upg, upg e máis upg... penso que ti es un deles 😂 Ánimos e arriba, que no bloque hai máis xente o! 😘