Esperpentos coma o dun mestre de matemáticas de Zaragoza que tivo que recorrer a internet para poder reunir douscentos manuais de segunda man dos anos noventa cos que poder dar clases en condicións, xa que o papanatismo do centro obrigábao a dar clases coa tableta somentes. Libros de instituto de hai vinte anos, hoxendía auténticos incunables escritos por catedráticos de historia ou ciencias naturais. A Consellería de educación de Madrid prohibe o uso dos móbiles no recinto escolar. E tantos outros exemplos de pornografía informativa sobre a crise da educación. Existe o tópico, e máis dalgún exemplo de humor macabro, de que a LOXSE trouxo un empobrecemento xeral do nivel cultural. Mais negar que algo hai disto é vivir nos biosbardos.
Non se trata tanto de que o noso profesorado sexa coma en Finlandia onde maxisterio é unha das carreiras universitarias máis duras. Pero xa sería un progreso que existise o nivel de esixencia de Castela e León (no olimpo do escalafón PISA) onde frecuentemente quedan prazas desertas. E por certo, en Finlandia e na maioría de países con bos datos educativos os profesores non son funcionarios. Non se trata de demonizar ao profesorado, por ben que os dereitos adquiridos e o sindicalismo sexa frecuentemente un problema dos sistemas educativos (véxase Francia ou mesmo Estados Unidos, por non falar do sindicato mexicano de mestres, auténtico contrapoder do país). Pero do mesmo xeito o dualismo neste sector, coma en tantas outras profesións, non só é innecesario senón tamén inhumano, con miles de interinos tendo que agardar ás vésperas do novo curso para saber onde lles toca dar clase, todo porque na Consellería (funcionarios vitalicios, eles si) non lles dá por deixar iso arranxado alomenos antes do parón de agosto.
Coa chegada de Aznar á Moncloa e o neoliberalismo de palco do Bernabeu aos ministerios falábase moito do “esforzo”, código da clase media real ou aspiracional para defender a educación concertada. As “guerras escolares” son unha constante dos países occidentais, na Francia de Miterrand ao mesmo que, en sentido inverso, na Gran Bretaña da Thatcher xúntanse a defensa dos supostos intereses da sempre insegura pequena burguesía (a que non pode permitirse a privada de verdade) cos elementos emocionais e irracionais da defensa da vida privada, polo que nestes e noutros países, coma a supostamente aburrida Bélxica, ten tido tintos insurreccionais, de fular e náuticos. O triste é que os estamentos intermedios e teoricamente educados caen a miúdo na defensa dun privilexio que non pasa de estético. Cantos pais non meten aos fillos en colexios polo bonito do uniforme ou porque dan as clases en inglés e sen ter en conta o rendemento real dos alumnos.
O idioma, elemento totémico e atávico dunha burguesía de medio pelo. Para ser xente conservadora ben que se adican ao experimento social a grande escala con furor de marxista-leninista. Non hai país no que a maioría da poboación fale ben inglés como segunda lingua aprendida nun bo sistema educativo onde ese idioma sexa vehicular no ensino, e moito menos en asignaturas centrais do que os chauvinistas franceses chaman “de civilización”. Tal é a perda de papeis colectiva que ninguén se escandalice que os nenos estuden a historia de Isabella and Ferdinand e a viaxe Christopher Columbus, non só no extrarradio americanizado de Madrid (os PAU, on de triunfa Ciudadanos) senón tamén en Medina del Campo. Todo isto impartido por profesores, mesmo aqueles que si estudaron filoloxía, que non son capaces de ter unha conversa cun nativo. En vez de ocorrencias ben lles viña ser consecuentemente conservadores de pedir a volta da Lei Moyano e as reválidas. En comparación co de agora gañábamos todos.
Fan bandeira o PP e sobre todo Ciudadanos do mérito do experimento trilingüísta, único no mundo, casos coma Singapur ou Suíza mediante. Aínda que ninguén se lle escapa que o do trío é unha escusa para promocionar a Lingua Única, Grande e Libre. Curioso método de fomentar o analfabetismo funcional. Como galegofalante, resulta ofensiva esta campaña cada vez crecente na que meten o sistema educativo galego no mesmo saco có catalán. Os recentes dados do IGE ben que desmenten que haxa adoutrinamento; aínda que en realidade si que o hai, o sistema educativo galego, hoxe como hai corenta anos, unha verdadeira máquina de aculturación sistemática de nenos galegofalantes e fábrica dun porcentaxe crecente de nenos que por primeira vez na historia non son nin capaces de falar nin sequera entender ben o galego. Os datos non importan cando as novas falsas son tan rendibles electoralmente. Ten truco que se chegue a pór a Feijóo de perigoso nacionalista galego.
Non se trata de facer aquí un alegato sobre o ensino gratuíto, público e universal. Modelos hai moitos, desde o centralismo estatista xaponés ao liberalismo posmoderno de autonomía total de centros e mestres de Suecia. Nin uns nin outros son mellores de por si, no relativo éxito dun sistema educativo operan moitas variables. Mesmo unha proposta do neoconservadurismo estadounidense coma a do cheque escolar (polo cal o estado dálle aos pais os cartos que doutro xeito se gastaría o alumno a educación pública) ten o seu mérito. Por suposto, nunha cultura minifundista coma a galega isto sería condenar á maioría da poboación ao analfabetismo, pero en principio hai moitos xeitos de chegar ao mesmo resultado.
O problema é definir e sobre todo medir que é estar en educado. Existen as devanditas enquisas internacionais, os ránkins universitarios globais, algúns países aplican selectividade e a selección natural dos máis fortes aos 11 anos (Alemaña aínda hoxe, antes en todo o Reino Unido), outros teñen selectividades vía exames externos cada ano (Bélxica). Hai outros no que os exames para o acceso á universidade son peores cá maioría das oposicións entre nós, ata o punto que o día do exame párase o país (Corea) para non molestar aos estudantes e así reducir ao máximo o número de suicidios.
Medir é necesario. Non podemos estar á depender do xornalismo de datos coma o recente traballo El País, auténtico traballo de chineses para localizar e medir a segregación social de tódolos colexios. Como tampouco é serio o intento de medir o rendemento escolar no final da era Rajoy e que ata na Xunta se tomou a broma. Agora ben, hai que ter moito coidado en que a medición sexa un fin en si mesmo. En Inglaterra a obsesión pola clasificación as mellores escolas as chamadas “League Tables” leva a unha auténtica paranoia colectiva (estudar para os tests) e mesmo a unha guerra de clases que ten impactos ata na macroeconomía, xa que a chamada “lotaría do código postal” altera o mercado inmobiliario. No senso oposto, a tan cacarexada “liberdade de elección de centro” do aguirrismo madrileño ten resultados perversos na cohesión social (a xente xúntase cos seus semellantes) e mesmo no medio ambiente polo aumento do tráfico resultante. Por non falar ca paranoia do “publicar ou morrer” do mundo universitario anglosaxón e agora entre nós trala LOU, onde semella que a función dun investigador é estar pendente do ránkin coma se fose un xogador de Grand Slam ou un usuario de Facebook ou Tinder. Ou que as medicións a kilo que usa a ANECA deixa fóra a profesionais ou investigadores que non están xa no sistema universitario español. Non falemos da planificación demencial de carreiras en función de intereses localistas e sen facer caso a demandas do estudantado nin das necesidades da economía e a sociedade en xeral.
A educación foi sorprendentemente un dos asuntos discutidos no primeiro debate do multipartidismo cos barbilampiños Rivera, Iglesias e Sánchez naquel remoto 2015. Pouca esperanza hai que sexa este caso no debate do postureo a seis da próxima contenda. De Galicia xa non falamos.