Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2019 | Actualizada ás 18:37
O programa 'Escapárate', realizado para a Televisión de Galicia pola produtora Tamboura Films, volveu da pasada edición do Mipcom de Cannes, o mercado de televisión máis importante do mundo, cun contrato de venda ao xigante Endemol. A produtora, un dos maiores grupos europeos de produción de contidos, adquiriu este formato para introducilo no mercado francés.
'Escapárate', que se emite os sábados ás 20,00 horas na primeira canle da TVG, propón penetrarse nas tendas de toda a vida que loitan por saír adiante.
En cada unha das entregas do programa, que pretende axudar a recuperar o comercio local comezando polo que primeiro se ve, dous comercios e dous profesionais do deseño e do interiorismo compiten para ver quen consegue preparar o mellor escaparate.
Segundo o xefe de Redacción de Tamboura Films, Xaime Barreiro, en Endemol "chamoulles a atención a calidade do programa" e puxéronse en contacto con eles "24 horas despois de visionalo". "Ás empresas grandes dálles igual de onde sexas, o que necesitan é creatividade", dixo.
O francés non será o único mercado internacional ao que chegue este programa da Televisión de Galicia, xa que están moi avanzadas as conversacións con outras distribuidoras para vender o formato de 'Escapárate' noutros países.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.