Voces femininas, críticas e diversas marcarán a 33 edición de Cineuropa

A programación conta cun novo apartado dedicado á animación, estreas mundiais e premios por sección.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O festival Cineuropa de Santiago anuncia que a súa 33 edición estará protagonizada por mulleres, en todos os ámbitos que abarca esta cita cultural, así como a diversidade de perspectivas en todas as súas seccións, e que conformarán un "festival único" en España.

Este venres, a organización do festival, a cargo de La Tropa Produce, xunto coa responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron desta maneira o Festival Cineuropa deste ano.

A partir do 7 de novembro, ata o día 28 do mesmo mes, Santiago acollerá este evento para celebrar e exaltar a presenza de voces femininas, críticas, de diversa orixe e xeografía dentro do mundo cinematográfico.

A directora do festival, Laura Seoane, reivindicou que o "feminismo transversal" encabezará as cinco seccións oficiais do festival (europea, internacional, latinoamericana, documental e de animación). "O 40% das películas elixidas están dirixidas por mulleres", unha decisión que non ten que ver con "ningún tipo de cota", xa que "o primeiro criterio é a calidade", apuntou o coordinador de programación Javier Trigales.

Seoane destacou a particularidade deste evento por non existir "un formato destas dimensións en España con tanto éxito" como Cineuropa. O seu obxectivo é, por unha banda, "converterse nun debate" para que "o cinema non acabe nas salas e se multiplique nos bares e os coloquios sexan interminables" e, por outra, "que o espectador sexa o rei do festival", engadiu Trigales.

ELEMENTOS QUE MANTÉN

Con respecto a outras edicións, este ano Cineuropa conservará elementos como o maratón de cinema, os premios de honra, as sesións sorpresa e, en xeral, a estrutura das pasadas convocatorias.

Por outra banda, tamén contará con novidades, como o apartado dedicado á animación ou os premios do público que se repartirá un por cada sección. Ademais, as actividades en colaboración co festival tamén establecerán lazos coa perspectiva feminista das seccións oficiais.

En paralelo celebraranse concertos no Auditorio de Galicia, como o concerto de María Medeiros o 13 de novembro ou o da banda municipal de Santiago para representar a comedia e Harold Lloyd e Charles Chaplin.

A partir do 4 de novembro estarán á venda as entradas para o festival, que se poderán adquirir a través do portal compostelacultura.gal e nos mesmos despachos de billetes. Polo momento, a programación non se desvelará ata o 31 de outubro, cando se presente con detalle e saian á luz as películas máis destacadas e os invitados especiais.

Presentación da 33 edición do festival Cineuropa de Santiago
Presentación da 33 edición do festival Cineuropa de Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta