Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 14:43
O Parlamento albergou este venres unha polémica despois de que o deputado do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez afease á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, os comentarios en Facebook dun cargo da Xunta en Ourense en contra do "revanchismo" co que, ao seu modo de ver, está a actuarse en relación á exhumación de Francisco Franco.
En concreto, o xefe de servizo de Conservación da Natureza da Xunta en Ourense, Juan Gómez Fernández, publicou na súa conta de Facebook varias mensaxes en contra da exhumación de Francisco Franco nos que reivindica que a familia do ditador "ten o dereito de enterralo onde teña a ben, neste caso coa súa filla (Carmen Franco) na Catedral da Almudena".
En distintas publicacións da rede social, Gómez Fernández di "non entender, como católico, apostólico e romano, a postura desta Igrexa", institución que non se opuxo á saída de Franco do Val dos Caídos.
"Só lembrar aos mártires, moitos deles elevados á santidade, que deron a súa vida en España asasinados, violentados, torturados polo despropósito político nunha época en España onde se perseguían ás persoas por ser católicas", denuncia sobre a Segunda República, para despois celebrar que Franco "se sublevou para salvar entre outros á Igrexa, e deulle un poder que agora tachariamos de excesivo".
Noutra mensaxe, o xefe do servizo de Conservación da Natureza en Ourense insiste en que os mortos "deben descansar en paz" e tacha a exhumación de "revanchismo impropio de persoas que supostamente teñen superado aquel tempo onde españois loitaron contra españois", e todo "por un puñado de votos".
POLÉMICA NO PARLAMENTO
Estas polémicas publicacións foron esgrimidas este venres polo deputado do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez, durante a comparecencia parlamentaria da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na comisión de orzamentos no Parlamento de Galicia.
Durante a sesión, Sánchez suxeriu á conselleira que "debería cesar" a Gómez Fernández, porque "esta persoa non pode representar a ningún goberno democrático". "Se o manteñen un día máis, vostedes serán cómplices desta indignidade", esgrimiu o deputado.
A modo de resposta, Ángeles Vázquez rexeitou facer unha "valoración pública do traballo de funcionarios", xa que o responsable de Conservación da Natureza en Ourense accedeu ao posto "a través da carreira funcionarial", condición pola que dixo "non poder cesalo". "A partir de aí, el saberá o que di", engadiu.
Con todo, esta réplica non convenceu ao deputado do Grupo Común da Esquerda, quen admitiu que este argumento "sería válido se non fose un posto de libre designación". "Polo mesmo que vostedes o designan, pódeno cesar", insistiu.
Respecto diso, fontes da Consellería de Medio Ambiente consultadas por Europa Press subliñaron que o cargo en cuestión está ligado á Delegación da Xunta en Ourense e que se analiza se se dará algún paso por mor desta polémica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.